Razón e arte en tempos de populismo

Laureano Araújo DOUTOR EN CIENCIA POLÍTICA E CATEDRÁTICO DE ALEMÁN

OPINIÓN

Una falla valenciana que alude a la situación mundial y líderes como Trump, Putin y Netanyahu.
Una falla valenciana que alude a la situación mundial y líderes como Trump, Putin y Netanyahu. Kai Forsterling | EFE

No seu abraiante ensaio autobiográfico O mundo de onte, Stefan Zweig, un dos intelectuais máis lúcidos e brillantes do século XX e un escritor que nos legou unha obra luminosa e emocionante, intenta explicar a súa radical incapacidade de comprender e asumir o colapso estrepitoso da súa amada Europa, da súa sagrada patria espiritual: «Segue a ser unha lei inmutábel da historia que esta lles negue precisamente aos contemporáneos a capacidade de recoñeceren, xa nos seus primeiros comezos, os grandes movementos que determinan a súa época». Talvez teña razón Zweig, talvez non quixésemos ver desde o principio que, como di Antón Baamonde en Agora non é antes, «estamos á porta de algo (...) que será malo e terrible».

Nunha xornada organizada hai pouco pola Asociación Galega de Xermanistas debatéronse algúns dos temas que preocupan na literatura actual en lingua alemá, onde están a facerse preguntas espiñentas que non aturan respostas simples; preguntas difíciles que ás veces carecen de respostas. Os países de inmigración transfórmanse a través da mobilidade. Somos sociedades mestizas. En ausencia dunha cultura hexemónica (que en Alemaña chaman leitkultur), que implica homoxeneidade e fronteiras cerradas, atopámonos cunha diversidade caracterizada pola fragmentación, a fluidez, a complexidade e mesmo o caos. É lóxico, en consecuencia, que se cuestionen nocións como a de integración, que, presupondo un centro cultural impoluto e dominante e mais a diferenciación entre «nós» e «eles», implica a asimilación dos migrantes; e non estraña que xurdan propostas como a da desintegración, que parte da idea de que a cultura é híbrida, de que non hai nativos puros, e suxire unha transformación mutua. A convivencia non é estática, é un proceso. En Europa, cuxa poboación é cada vez máis trasnacional, o concepto de patria debe repensarse se non quere parecer nostálxico e excluínte. En definitiva, cómpre madurarmos e afacernos a vivir na incerteza derivada da heteroxeneidade.

Mais son tempos de populismo, tempos de medo e de ira, tempos malos e terríbeis. En tempos como estes, que personifican señores como Abascal, Netanyahu, Putin ou Trump, cuxos discursos e cuxa acción política xa non conteñen nin un ápice de virtude, de empatía e de grandeza, a razón procura iluminar o escenario cada vez máis distópico en que nos movemos, e a arte contribúe a esta nobre tarefa coa súa capacidade para turbarnos máis alá da nosa intelixencia. Pero mentres a política se radicaliza, unha parte crecente da cidadanía parece deixarse levar pola cólera ou, no mellor dos casos, pola indolencia, como se a seguridade e a democracia estivesen garantidas fronte ao crime e o despotismo. Así, razón e arte parecen condenadas a interpretaren un papel tráxico, como tráxico foi o destino de Zweig. Quizais atopemos consolo na convicción de que esta traxedia está preñada non só de bondade, senón tamén de beleza e de intelixencia, dunha beleza e dunha intelixencia que sobrevivirán á barbarie e á desorde, como sobreviviu a obra de Zweig.