«Crujeiras», «Feijoo»: o paradoxo dos apelidos galegos

Eduardo Maragoto DECOTÍO

OPINIÓN

<span lang= gl >O apelido da primeira reitora de la Universidade de Santiago é Crujeiras </span>
O apelido da primeira reitora de la Universidade de Santiago é Crujeiras  XOAN A. SOLER

05 mar 2026 . Actualizado a las 05:05 h.

La Voz de Galicia fíxose eco recentemente dunha iniciativa da RAG para promover a galeguización dos apelidos, ou, nas palabras da institución académica, para lles restituír a súa forma orixinal. Entre os apelidos que se propoñen galeguizar destacan os que conteñen as letras g e j, como Lage ou Feijoo, que a RAG considera «formas híbridas". Sen pretender erixirme en desincentivo da campaña, cómpre aclarar que unha cousa é adaptar os apelidos ás actuais normas ortográficas do galego e outra devolvelos á forma orixinal, algo que non coincide na maioría dos casos en disputa.

É o caso dun apelido de moita actualidade, Crujeiras, que mantivo esa grafía ao longo de toda a súa historia. Seguramente fai referencia ao lugar de procedencia dalgún antepasado da flamante reitora da USC —hai un chamado así na súa Ribeira natal—, bautizado desta forma porque nel aniñaba ou simplemente cantaba a ave nocturna que coñecemos por c(u)ruxa, na ortografía oficial do galego que se aplica aos topónimos desde 1983, ou c(o)ruja, na ortografía histórica que conserva o portugués.

Dito con outras palabras: estes e outros apelidos (Gestal, Tojeiro) non se acomodan á ortografía actual do galego. Mais, en realidade, non foron os apelidos os que mudaron, senón as regras do galego, que imitaron, paradoxalmente, unha antiga norma do castelán que unificaba os actuais g e j en x (que aínda sobrevive en topónimos como México). As familias galegas simplemente continuaron a escribir estes apelidos como llelos transmitiu a xeración anterior desde que hai memoria.

Mais o paradoxo non acaba aquí. No tocante á pronuncia, se calquera persoa con estes apelidos preguntase na súa casa, seguramente descubriría que os máis vellos da aldea os dicían á galega, isto é, pronunciaban Tojeiro ou Crujeiras co mesmo son que, por motivos etimolóxicos, ten o x das palabras buxo ou peixe. Unha das razóns polas que as últimas xeracións comezaron a pronuncialos á castelá foi, precisamente, a adopción do x para representar palabras que antigamente se escribían con j e g. Ao estenderse e finalmente oficializarse a grafía x para toxo e curuxa, a maioría comezou a entender que Crujeiras ou Tojeiro debían lerse á castelá, ao contrario do catalán, onde Geltrú ou Pujol se manteñen coa pronuncia tradicional. Ou sexa: pretendendo galeguizar, conseguiuse o efecto contrario, e unha parte nada pequena dos apelidos galegos pasou, de repente, a parecer castelá. E iso debería facernos pensar se ás veces, na vontade de corrixir a historia, non acabamos por reescribila.