A Constitución aprobada en 1978 logo de case catro décadas de réxime franquista consolidou a igualdade de toda a cidadanía sen distincións. Porén, estamos a vivir un momento crítico pola percepción que parte importante da poboación ten da situación actual. Segundo o informe de Fad Juventud sobre a evolución do feminismo nos últimos cinco anos na franxa de idade dos 15 aos 29, no que o 47 % da mocidade o valoran como necesario para acadar a igualdade real e o 51 % ven ben que España sexa referente neste tema, constátase a caída da identificación co feminismo que descende ata seis puntos nas mulleres novas. Confirma que —malia recoñeceren os avances—, entre o 49 ao 52 % identifican o feminismo como discriminación para os homes, con maior rexeitamento dos máis novos. E un 45 % considérano unha manipulación política.
Detecto unha reacción revulsiva contra o feminismo, con campañas de descualificación, e mesmo aniquilamento, que o homologa co machismo ou o considera unha variante nominal —en sentido inverso— da mesma actitude. Haberá que analizar, e neutralizar, as poderosas ferramentas da cultura de masas para difundir e instalar a idea de que o feminismo é unha entelequia, ou para normalizar a aceptación da violencia como resposta. Porén, a estas alturas xa debía saberse que o machismo non é o oposto ao feminismo, senón a xeneralización da misoxinia, sexa contra persoas individuais con respostas violentas que poden chegar ao asasinato, sexa contra o que somos socialmente como xénero. Do contrario fracasará un proxecto de sociedade que se rebela contra a estrutura do poder predominante desde o principio dos tempos.
Cando o exministro Manuel Castells, sociólogo e catedrático catalán, dicía xa en 2019 que o ascenso da ultradereita en Europa e o continente americano tiña o obxectivo predeterminado de restaurar o patriarcado tradicional, eliminando os dereitos das mulleres nun proxecto coordinado e financiado por unha rede de millonarios xenófobos e racistas que ven nel a súa derradeira esperanza de supremacía, recibiu duras críticas e abonda incredulidade, mais o tempo semella darlle a razón. E se ben é certo que as ideas feministas adoitan atopar máis espazo e complicidade nas ideoloxías progresistas, as formacións deste espectro ideolóxico non se libran de comportamentos machistas no seu día a día, como se confirmou cos abusos denunciados en formacións políticas que van desde menor visibilidade, manipulación, paternalismo e dificultade para que as mulleres se desenvolvan en política non só como recambio das cotas femininas ata a denuncia de abusos sexuais como prezo para facer carreira política. Confírmase o costume de facilitar liderados femininos en situacións de crise cando o éxito semella pouco probable. Confírmase tamén que nesas situacións a miúdo a solución pasa por mulleres que se poñen á fronte sen suscitar entusiasmo nas clases dirixentes. E cómpre reflexionar, tamén, na dureza e falla de sororidade con que algunhas políticas son xulgadas por outras mulleres que, militando ou non, se proclaman feministas. Cómpre un compromiso maior, fondo e forte contra a involución. Haberá que arremangarse e pisar o acelerador.