No século I a. C. engadiuse ao Libro de Daniel, do Antigo Testamento, a historia apócrifa de Susana e os vellos, que narra probablemente por primeira vez o acoso sexual dun poderoso —neste caso dous— a unha muller.
Susana de Babilonia, dona virtuosa e fermosísima, felizmente casada, é vítima de dous xuíces que a coaccionan: ou ten sexo con eles ou a acusarán de cometer adulterio cun amante. Susana rexéitaos e eles incúlpana, xúlgana e condénana a morrer lapidada. Talmente coma os alcaldes, presidentes de deputacións e xefes da Policía acosadores, e os produtores e directores acosadores nas industrias do cine e da moda, ou os xefazos, xefes, encargados e encargadiños acosadores en empresas de traballo temporal, restaurantes con estrelas Michelin e baretos de mala morte. A Susana sálvaa o profeta Daniel, pero ás vítimas dos acosadores no mundo real que ousan plantarlles cara non hai quen as salve de pasaren un viacrucis por comisarías, xulgados e redes sociais. Por iso os delitos sexuais seguen a medrar e en España houbo 21.659 denuncias de acoso no 2025 e unha de violación cada dúas horas.
Claro que non é igual o violador que ataca, e ás veces mata a vítima, que quen a asedia e intimida ata posuíla. Un é un violador salvaxe e outro un violador sutil; un viola á brava e outro pouco a pouco; pero os dous violan e fano polas mesmas razóns: porque carecen de conciencia moral e non ven na muller un ser humano, senón un obxecto de pracer. Elisa Mouliaá, a rapaza que denunciou a Errejón, expresou claramente a estrutura mental deste narcisista, que é a de todos os acosadores e violadores: «Le gusta dominar. Las mujeres somos para él un accesorio inútil».
Hai andazo. A miña nai diría que «os homes estamos enfermos do ramo cativo», que somos posesos, posuídos polo demo, e temos de ir ao San Campio. Unha parte do feminismo exprésao dun xeito máis dramático: «En cada home hai un violador en potencia». É unha aldraxe que eu entendo como resposta emocional a unha situación penosa que empeora cada día, pero é inoportuna porque os máis dos homes non somos posíbeis violadores e porque, se fósemos, sería condición do varón e non habería violadores. Os violadores e acosadores teñen nome e apelidos e cómpre identificalos, dalos a coñecer, e por nada poden quedar camuflados no colectivo. Pero tamén é certo que, mentres os partidos políticos protexan aos acosadores e exerzan presión sobre as vítimas para que non os denuncien; mentres riamos os chistes sobre o xefe coa bragueta sempre aberta e chisquemos o ollo ante a compañeira que sae chorosa do despacho; mentres calemos, consintamos e ollemos a outro lado, todos, homes e mulleres, somos un pouco acosadores.