Marzal

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Xente co paraugas durante o entroido.
Xente co paraugas durante o entroido. Rosa Veiga | EUROPAPRESS

26 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Paréceme un adxectivo lindo: marzal. E máis este ano no que entre xaneiro e febreiro case nos saen branquias, que en galego tamén se chaman guerlas ou galadas. Os da cuadrilla pasaron o entroido pensando que habería que mercar unha dorna. Hai moitos anos montamos unha carroza na que iamos de mariñeiros. Imposible esquecer aquel carnaval. Como imposible resulta non mirar cara adiante. É preciso. Avanzar. Non mirar atrás demasiado. O Nadal veu con brétema. Despois todo foi chuvia. A chuvia posúe acenos de beleza. O arco da vella, por exemplo, non pode saír se ela non está presente. De neno miraba as gotas de chuvia esvarar polos cristais das fiestras. Eu imaxinaba que eran ríos. Era, eu, o protagonista dunha novela de Conrad. A imaxinación sempre foi o meu pecado. Tamén a miña virtude. Soñar. Quen non soña está destinado ao fracaso. Porén, todos soñamos. Mesmo aqueles que semellan alleos a toda esperanza. Pero é preciso coidar dos soños. Non permitir que crezan demasiado. Non controlalos. Daquela sobrevén a decepción. A caída. Non coñezo nada máis didáctico que aprender das caídas. Nada máis educacional que saber levantarse. O inverno foi duro. Este é o último xoves de febreiro e o aire marzal, como un aloumiño, ha de pousarse na nosa pel descalza. Estou seguro de que marzo ha de dicirlle ao inverno: «Déixanos en paz!». Pasarán as tristezas. Tamén as preocupacións. Preocuparse é o mesmo que abrir un paraugas, nos días claros, agardando que chova. En Altea, nun verán tórrido, o Mariló foi a unha farmacia e pediu algo que o protexese do sol. O farmacéutico, simpático, contestou: «¿Le vale un billete de avión para Galicia?». Nunca máis pisamos aquela farmacia.