Durante algunhas semanas asistimos ás campañas informativas e aos debates das candidatas ao reitorado da USC. Nestas mesmas páxinas escribín unha marea salientando o feito de que por primeira vez na nosa historia unha muller vai ocupar tan sinalada responsabilidade. Catro candidatas, catro mulleres competentes, formadas en distintas materias que se presentan para dirixir a primeira institución académica do país, con máis de 500 anos de historia. Un feito histórico que se consumará o próximo día 11 de marzo, nunha segunda volta á que concorren Rosa Crujeiras e Maite Flores. Quedan fóra de competición María Xosé López Couso e Alba Nogueira.
Un feito histórico, repito. Mais o que querería salientar nesta ocasión é o talante, o talento, a intelixencia, a exemplaridade con que durante estas semanas transcorreron os debates, as propostas que cada unha delas lle ofreceu ao electorado: docentes, persoal técnico e alumnado. Un vello amigo que asistiu a algunha mesa redonda onde participaban as catro confesábame que, afeito ás liortas da política, mesmo da política institucional, aquilo resultaba sorprendente, incluso «un chisco aburrido» (eran as súas palabras) polo que tiña de suave, cortés, case excesivamente moderado. Faltaba esa furia, esa agresividade que seica parece consubstancial á deboura nas tribunas públicas. O meu amigo estaba agradecido polo ton das candidatas, mais sorprendido, xa digo, polo pouco usual nestes tempos.
Quero dedicarlle, pois, esta marea a esa intelixencia política: o respecto pola palabra, a defensa das ideas compatible coa paixón da causa que defendemos, mais respectando as razóns e os argumentos dos demais. Respectando e escoitando. O verbo escoitar é o que menos se conxuga nestes días abafados. Beizón, xa que logo, ás candidatas, e a miña admiración non tanto ás que pasan á segunda volta coma ás que quedaron no camiño e, logo de coñecer os resultados, non dubidaron non só en darlles os parabéns ás compañeiras, senón en ofrecerse para axudar nos tempos que han vir, xa non dende o primeiro plano da xestión, mais cadaquén no seu posto académico, alí onde poidan ser útiles.
Este espírito, de colaboración e xenerosidade, que é tamén de intelixencia (intelixencia política), é o exemplo que deixa a primeira volta electoral ao reitorado e, coñecendo o estilo das candidatas, estou seguro de que continuará. Porque son mulleres? Non exactamente, sen lle quitar mérito á condición feminina. Por universitarias, porque a institución o merece e este é o seu estilo. Podemos discrepar, mesmo radicalmente, pero a forza dos argumentos, o diálogo, o valor da palabra é o gran capital que nos identifica e no que nos recoñecemos. Mágoa que non poidamos exportar esa intelixencia aos ámbitos da vida política, tan necesitada de cordura, sentidiño, educación e cultura elemental.