O cartel

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

14 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Había que gardar as formas e en Génova fixéronlle o pasillo a Jorge Azcón, gañador das eleccións en Aragón con máis pena que gloria; e, claro, con máis pena que gloria resultou a recepción. Os pasilleiros lucían risas falsas, fixas, estereotipadas; aplaudían lento, coas puntas dos dedos, sen ganas e sen ruído, e algún que lle palmeou o lombo fíxoo tan amodo que máis que de felicitación as palmadiñas semellaban de consolo. Azcón estivo ben, dadas as circunstancias. Sacou do peito unha rexa voz de barítono e cantou unha romanza da zarzuela:

Los de Aragón

no saben qué es llorar;

los de Aragón

no saben qué es gemir.

Los de Aragón

no caen sin luchar. ¡Pecho a la vida!

¡Hay que vivir!

Desafinou abondo e rematou cun galo, pero Feijoo berrou «¡Bravo!» e Tellado «¡Bravo! ¡Bravo!»; e os pasilleiros de risa falsa, fixa e estereotipada responderon entre dentes: «¡Bravo! ¡Bravo! ¡Bravo!». E morreu o conto.

Agora teño ante min o cartel de peche de campaña do PP en Aragón e, canto máis o miro, máis digno me parece de figurar na máis rigorosa escolma do disparate político. Ver o candidato Jorge Azcón e o líder do PP, Núñez Feijoo, co niñato fachiña Vito Quiles, provocador de roxos e rebenta-roldas-de prensa no Congreso, e co dúo fachorro Los Meconios, intérpretes de cancións nas que expresan o desexo de volver ao 1936, se declaran machistas, racistas e fan mofa das «violacións en manada» —«Las feministas protestan por una violación grupal. Hay diez más que investigar, me da igual, son de Senegal»—, faime pensar que a barbaridades como esta aludía Julio Cortázar cando falaba «do lado comicamente grave da realidade». É todo tan irracional, tan choqueiro, tan sucio, que os comentaristas políticos o explicaron como un intento desesperado do PP para frear o ascenso imparable de Vox.

E iso crería eu tamén se as Nuevas Generaciones do PP non celebrasen un acto ao que convidaron a Vito Quiles; e se Miguel Tellado, secretario xeral do PP, non lles dese parabéns pola feliz iniciativa e non eloxiase o niñato fachiña pola súa valentía. Non, o cartel de peche de campaña en Aragón non foi unha arroutada do PP local, un «a ver qué pasa» dos candidatos. Ese cartel é a acta de rendición do PP a Vox —o PP gobernará inevitablemente con Vox— e tamén un aviso aos votantes para que o vaian roendo e dixerindo. Pois nada, bo proveito.