Por que Galicia necesita unha lei do clima?

Ángeles Vázquez Mejuto CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE E CAMBIO CLIMÁTICO

OPINIÓN

Vista de un viñedo de Verín inundado tras las últimas borrascas.
Vista de un viñedo de Verín inundado tras las últimas borrascas. Brais Lorenzo | EFE

12 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Os valores extremos que Galicia rexistrou o pasado ano en canto a temperaturas e precipitacións son a confirmación dunha tendencia que se vén consolidando no tempo e que se explica partindo dunha realidade: o cambio climático. A estas alturas ninguén pode negalo, porque de ser así estaría negando a realidade mesma. O cambio climático xa está aquí e temos que asumir que veu para quedarse.

Polo tanto, a nosa obriga é facer o posible para mitigar os seus efectos. Unha tarefa colectiva que nos implica a cada un de nós como cidadáns e que nos obriga ás administracións a actuar non só con determinación e anticipación, senón tamén coa convicción de que o resultado das nosas accións marcará o futuro das vindeiras xeracións.

En Galicia témolo claro e por iso vimos de aprobar a primeira lei do clima da nosa comunidade. Unha norma pioneira en España cun obxectivo claro: protexer á sociedade e á economía galega ante os riscos derivados do cambio climático, dotándonos da seguridade xurídica necesaria para facerlles fronte dun xeito transversal.

Facémolo a través de metas realizables, como a de seguir reducindo de aquí ao 2030 o nivel de emisións de gases contaminantes nun 75 % e alcanzar a neutralidade climática no 2040. E sei que podemos logralo porque temos moito camiño percorrido: a día de hoxe xa somos a comunidade autónoma na que máis baixaron as emisións nos últimos anos.

Facémolo tamén a través de accións efectivas, como a de fomentar a creación de refuxios climáticos nas cidades galegas que, igual que xa ocorre noutras capitais europeas, nos permitan contar con espazos públicos adaptados para ofrecer alivio térmico durante episodios de calor extremo. Así como incentivando ás empresas a reducir o seu impacto neste eido cunha fiscalidade verde ou integrando os criterios climáticos na contratación pública e nas actuacións da Administración.

E aspiramos a facelo ademais, no eido da meteoroloxía, cunha maior coordinación co Estado no que se refire á emisión de avisos, a utilización de datos en tempo real e o aproveitamento dun servizo punteiro como é o que ofrece MeteoGalicia. Porque fenómenos adversos como as borrascas das últimas semanas non entenden de competencias administrativas, senón que requiren unidade de acción e eficacia á hora de ofrecer solucións á cidadanía.

En definitiva, a través desta lei marcámonos unha meta nun camiño que temos que percorrer xuntos e sen tempo que perder. Porque a Galicia verde e azul que desfrutamos hoxe merece ser preservada tamén no futuro. Debémosllo aos galegos de hoxe, pero, sobre todo, aos galegos do mañá.

Ángeles Vázquez Mejuto é Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático