Volven á actualidade informativa porque nos arquivos do multimillonario pederasta Jeffrey Epstein, oficialmente morto por suicidio no 2019, apareceron documentos que proban a longa amizade que mantivo coa princesa Mette-Marit de Noruega, que non para de pedir perdón. Ninguén está libre de relacionarse sen sabelo cun pederasta, sendo, como son, lexión. Malia a imprecisión dos datos, sábese que entre un 10 e un 25 % da poboación é vítima de abusos sexuais na infancia, un 44 % de forma reiterada, e que dos sufridos na propia familia só chegan a coñecerse o 50 % e a denunciarse un 15 %.
A pederastia podería ser noticia cada día porque cada día, preto de nós, un adulto abusa sexualmente dun menor. E non falo do avó que pasea espido ante o neto de ano e medio, un dos moitos pedófilos que se senten atraídos amorosa ou sexualmente por nenos, desde bebés a preadolescentes, pero non os agriden. Falo dos abusadores, varóns entre o 80 e o 95 % dos casos, heterosexuais, que procuran preferentemente vítimas de 8 a 12 anos; e falo tamén dos que negocian con audiovisuais de abusos a menores, en moitas ocasións de crueldade extrema.
Arrepía ver que a policía desintegra unha rede de pederastas e axiña hai outra a pleno rendemento. Arrepía saber que papas e bispos protexeron a cardeais e cregos cun historial que, de pertencer a outro credo, cualificarían de demoníaco. Arrepía pensar no que está por descubrirse nos nenos indíxenas de Canadá educados en internados católicos e no que queda por saberse do turismo sexual en países como Filipinas, onde familias envilecidas pola miseria venden os servizos dos propios fillos.
Ata os pederastas máis perversos saben que as relacións sexuais con nenos e nenas prepúberes son aberrantes, pero a opinión cambia cando acadan a puberdade. Na película Baixo sospeita, de Stephen Hopkins, un avogado acusado de violar e matar dúas rapazas declárase culpable, sen selo, ao saber que a muller achegou probas para comprometelo. A cinta explora a manipulación psicolóxica que leva o protagonista á desesperación, pero interesa tamén o eloxio que este fai do acto sexual con rapazas noviñas, como algo sublime que todos os homes desexamos. Non queda claro se o policía que o interroga comparte ou non a opinión.
Máis procaz é Serenity, de Steven Knight. Un ricachón aluga un barco de pesca e fala cun mariñeiro: «O tipo do hotel díxome que na zona pobre hai crías que por dez dólares se deixan dar por atrás». E, como o mariñeiro responde que non sabe e prefire non saber, espétalle con fachenda: «Xa. Pois penso ir esta noite e facerme un cuíño por 10 dólares». Por algo era o malo da película.