Arranca

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Santi M. Amil

05 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron máis de vinte e sete anos dun momento histórico do automobilismo, as carreiras de coches e a televisión. Aconteceu o vinte e catro de novembro do 2023. Remataba o Rally de Gran Bretaña e Carlos Sainz estaba a piques de ganar o seu terceiro título mundial. De copiloto, o galego Luis Moya. Non tiñan que ganar a proba para proclamarse campións. Abondaba quedar no cuarto posto. A setecentos metros da meta, o coche fallou. A douscentos metros, parou. Sainz e Moya baixaron do vehículo. Abriron o capó. Nada. Sainz subiu de novo no coche. Moya non deixaba de gritar: «Trata de arrancarlo, Carlos, trata de arrancarlo por Dios». Non houbo maneira. Perderon o campionato pero aquela frase quedou para a historia do deporte e, mesmo, da filosofía. Ese «Trata de arrancarlo» é un berro a favor da esperanza, ou da primavera. Diría que é un dos principios vitais que todos debemos asumir. Cando todo vaia mal, hai que «tratar de arrancalo»: o coche ou a vida. Hoxe, falando de arrancadas, arranca o entroido de Verín. Xoves de compadres. Ao longo da miña vida intentei describir (nunca definir) o significado do carnaval na miña terra. A pesar dos intentos nunca fun quen de conseguilo. Só aproximacións. Porque o entroido é unha cuestión de alma. Un verso imposible de explicar. Ese amor que cruza na túa vida e, por moito que o intentes, camiña ao seu aire libremente. As xentes da miña tribo, tan separadas por moitos motivos, únense por un lazo común que nos abriga cando vai frío. Un bico que pasa polos nosos labios e non deixamos de bicar. Únenos o carnaval do mesmo modo que nos separan os invernos da opinión, ofensas, dislates, feridas. Arranca, Carlos, arranca. É toda unha lección.