O medo non é democracia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ZUMA vía Europa Press | EUROPAPRESS

30 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Donald Trump superou xa calquera límite. Non polo que di, que tamén, senón polo que permite. As «súas» rúas son controladas por axentes encapuchados, armados, actuando sen control, disparando contra quen observa, contra quen grava, contra quen tenta protexer a outro corpo máis vulnerable.

O problema non é só unha morte, é o sistema que as fai posibles.

Alex Pretti non morreu por erro, senón por interpoñerse. Estaba, e iso é o que máis incomoda aos réximes que avanzan sen freo: a testemuña. Por iso o silencio é perigoso, pero tamén o é o ruído interesado que xustifica, que dubida da vítima, que constrúe relatos para salvar o verdugo.

A historia xa nos ensinou que as policías políticas non nacen dun día para outro. Comezan obedecendo ordes «necesarias», protexendo a «seguridade», sinalando a un inimigo interior. As SS tamén se presentaban como defensoras da orde. Non fai falta ir máis lonxe ca iso para entender que o paralelismo non é retórico, senón estrutural.

Cando un Estado permite que a forza actúe sen rostro e sen responsabilidade, cando chama patriotas aos que disparan e insurrectos aos que protestan, cando matar deixa de ser escándalo e pasa a ser procedemento... deixa de ser democrático.

O máis inquietante é que isto non ocorre nun lugar remoto nin nun pasado distante. Está a pasar agora, moi preto. E nestes momentos, escribir non chega; pero calar tampouco é opción. Cando o poder cruza certas liñas, a historia non perdoa os que miraron para outro lado. E esta liña xa foi cruzada.