Lovecraft

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

JIM WATSON | REUTERS

29 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo en que me entusiasmaba Lovecraft. Dábame medo. Cando me aproximaba a el percibía unha dobre sensación: abismo ou altura. Abría os seus libros e os dedos comezaban a tremer. Despois de Lovecraft todo foi vulgaridade. Sálvase Stephen King, que posúe imaxinación portentosa. O resto, banal. Pregúntome cómo un escritor pode escribir unha novela sobre vampiros. A intelixencia artificial redacta textos superiores. Porén, non artella un edificio de linguaxe literaria. Malos tempos estes nos que o artificio ten capturado ao natural. Pregúntome se existe o talento. Ou se o talento posúe mínima importancia neste mundo no que a cibernética propende a dominarnos. Por casualidade encontrei a Lovecraft este xaneiro. En las montañas de la locura, rezaba o frontispicio da noveliña. Un 22 de xaneiro, ás catro do amencer, membros dunha expedición na Antártida acoden a perforar o xeo. O narrador afirma que é un traballo comparable ao dos castores. Encontran uns fragmentos de pizarra sorprendentes. E aí, aí mesmo, o xenio de Lovecraft comeza a elucubrar posibilidades. Hoxe, 29 de xaneiro, está de moda o xeo de Groenlandia e as alertas de toda condición. Ignoro se Trump leu a Lovecraft. Quizá debería facelo. Baixo o xeo agóchase o terror. Un dos protagonistas, que consegue escapar da traxedia, vólvese tolo. E día tras día non deixa de repetir frases relacionadas co xeo, co que descansa baixo o xeo, coas emocións que marcaron a súa existencia. Este xoves 29, pensando na expedición antártica de Lovecraft dun 22 de xaneiro, lembro a felicidade dos libros da miña xuventude. Prefiro a Lovecraft antes que as novelas minúsculas sobre vampiros. E antes que Trump, por suposto.