Autocracias electivas

Sandra Mª Piñeiro Vilas PRESIDENTA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE LUGO

OPINIÓN

Antonio Lacerda | EFE

27 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Os sistemas políticos occidentais están a experimentar unha transformación preocupante cara a fórmulas que poderíamos chamar autocracias electivas: réximes que conservan o ritual das eleccións, pero van baleirando o seu contido democrático. A igual liberdade da cidadanía como valor fundante da democracia queda en entredito cando aparecen novos «metecos»: persoas sometidas ás leis mais excluídas, de feito ou de dereito, da plena titularidade política. Nese escenario, a promesa democrática degrádase ata unha tiranía electiva da maioría ou, máis realisticamente, ata a tiranía dun líder e da súa oligarquía, amparada por maiorías cambiantes e por unha retórica de investidura popular.

 

Mesmo cando o procedemento electoral é formalmente igualitario, as desigualdades no poder económico e no poder ideolóxico e persuasivo distorsionan a igualdade política. A cidadanía non participa en condicións equivalentes cando uns poucos poden condicionar candidaturas, axendas e opinión pública mediante recursos financeiros, plataformas mediáticas ou redes de influencia. Volve así a pregunta incómoda: pode sobrevivir a democracia nunha sociedade non democrática, isto é, nunha sociedade que non neutraliza desigualdades estruturais que se traducen en dominación política?

Nesta deriva, os gobernos elixidos democraticamente desenvolven un ataque xeral á independencia xudicial, ao equilibrio de poderes e, en definitiva, ao Estado de dereito como principio regulador das sociedades libres. Non falamos só de discursos inflamados, senón de prácticas institucionais observables.

Detrás destes ataques agóchase unha concepción empobrecida da democracia na que a única fonte de lexitimación do poder é o voto popular, e todo se reduce á vontade da maioría, coma cheque en branco. Nesta visión non hai espazo real para a separación de poderes nin para unha maxistratura independente. Cando o respecto pola lei deixa de ser un valor central e se considera que o único valor lexitimador do poder é o voto, a separación de poderes e a independencia xudicial convértense en obstáculos a superar. Esvaécese a propia idea de xurisdición como garante da legalidade e da igualdade ante a lei, cuxo fundamento de lexitimidade no só difire senón que é oposto ao do poder político: a pescuda da verdade procesual, en garantía da súa exclusiva suxeición á lei e da igualdade da cidadanía ante ela.

A diferenza dos totalitarismos do século XX, os autócratas actuais raramente abolen os tribunais nin gobernan abertamente fóra da lei. Prefiren algo máis eficaz e menos escandaloso: o autocratic legalism, isto é, empregar o propio dereito como instrumento de dominación. Son reformas que, illadas, poden parecer técnicas ou razoables; vistas en conxunto, revelan unha estratexia coherente de sometemento xudicial e de erosión dos contrapesos: o rule of law backsliding.

 

 

O que está en xogo é, en última instancia, a idea de democracia como réxime de liberdade e igualdade, non como mero procedemento electoral. Como advertiron Bobbio e Bovero, cando a maioría deixa de ter límites e as eleccións substitúen á igualdade política, a democracia transfórmase nunha autocracia con urnas. Cando a lei deixa de ser límite e se converte en ferramenta do poder xa non estamos ante unha crise da xustiza, senón ante a derrota da democracia constitucional.