O Día da Ilustración deste ano 2026 está dedicado a Siro. Unha cuestión de elemental xustiza que honra as institucións convocantes (Consellería de Cultura e Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, AGPI) e hónranos a todos os que dende hai anos seguimos a traxectoria e a obra do autor. Non quero deixar pasar máis días sen unirme de corazón, e dende a admiración máis sincera, a esta celebración que cada 30 de xaneiro, coincidindo co nacemento de Castelao, homenaxea o xénero. Con anterioridade recibiron a distinción artistas como Lolita Díaz Baliño, Raimundo Patiño ou o inesquecible Chichi Campos.
Teño nas mans un dos primeiros libros de Siro: Probes homes, editado por Galaxia no ano 1975 cun prólogo de Ramón Piñeiro. Son 80 estampas nas que o debuxante recrea, dende a ollada do humorista, tipos humanos que en moitos casos asemellan a ollada dalgunhas caricaturas de Castelao, por quen Siro amosou sempre unha admiración inspiradora. No ronsel do de Rianxo e artistas como Cebreiro, Tomé, Torres, Seoane, Maside, Cao, por citar algúns históricos, Siro constrúe o seu propio discurso; fundamentado ademais na reflexión teórica sobre o xénero e na significación do humorismo, na liña do que no seu día apuntou Castelao e, máis recentemente, Celestino Fernández de la Vega (O segredo do humor, 1963), acaso o libro máis lúcido que sobre o tema produciu a literatura galega.
En 1984 o Laboratorio de Formas de Galicia convocou en Sada o Primeiro Seminario Galego do Humor. Nunha das sesións, Siro teoriza sobre o humor, a sátira e a comicidade, expresións distintas dunha ollada próxima, e salienta dous aspectos moi definitorios do humor galego: a retranca e a melancolía. Vicente Risco dixo nunha ocasión que o humor vén ser «a defensa dos indefensos», referido á capacidade do pobo galego para utilizar estes recursos críticos diante de situacións difíciles. Siro reflexiona sobre o seu traballo e procura as súas raíces mesmo na historia, non só galega, senón universal, dende o Renacemento e o século XVIII en Europa ata o século XX na tradición xermánica, francesa, italiana, española tamén.
Hai un par de anos asistimos a unha exposición antolóxica do autor no Quisco Afonso, na Coruña. Desta vez agasallamos un humorista, un ilustrador, mais tamén un magnífico xornalista. Unha parte importante dos anos da Transición e a autonomía galega poden seguirse a través das páxinas de La Voz e os debuxos de Siro. E un documentado ensaísta en libros como Castelao na arte europea (2019) e Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo (2017), con reflexións sobre a arte da caricatura, etcétera. Poucos autores tan conscientes da significación social da súa obra. Naquel congreso de Sada escribía Isaac Díaz Pardo: «Todo ten que cumplir unha función social, e o humor ten de cumplir unha función ética, desmiticadora, desdramatizadora e cecais piadosa das contradicións dos homes (…) Na medida en que cumple esa función ética acada a súa trascendencia».