Os cambios no entroido

OPINIÓN

MIGUEL VILLAR

23 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi fermoso para un celeste limiao ver o outro día correr as pantallas polo céspede de Balaídos, que acolleu unha representación dun dos entroidos máis longos de Europa e que, coma o Celta, tamén xoga na primeira división. En Xinzo sempre nos gabamos de ter un entroido que dura máis dun mes. Coma moitas outras tradicións, incluídas as do fútbol, o entroido é algo colectivo, en permanente construción, e nos últimos tempos ten habido grandes cambios, como, por exemplo, a importancia dos domingos subalternos do almanaque do entroido: o Fareleiro, o Oleiro, o Corredoiro e o de Piñata. Non é que esas datas non se celebrasen no pasado, pero a participación era local e simbólica. Grazas ao labor de recuperar moreas de entroidos, evitouse a temible masificación que sofren os máis consolidados, coma os de Xinzo, pero o disfrace de pantalla moitas veces non tiña espazo para botar unhas carreiras pola rúa. A queixa viña sendo habitual e parecía que non se podía facer nada ao respecto, porque o entroido, que é unha festa aberta, lévase moi mal co control. Malia todo, a solución está a se dar nos últimos anos, por necesidade, xa que pantallas renuncian a saír os días centrais do entroido para o faceren noutros días, ata o de agora, menos concorridos, como é o Corredoiro, o domingo anterior ao entroido. É unha opción que está a modificar os hábitos e estende con forza unha festa que, cada vez, reparte mellor a afluencia, que antes só se concentraba en tres ou catro días e agora abre espazos para que o noso disfrace saia troulear e siga a estar comandado por esa palabra tan sobada e, a un tempo, tan definitiva e misteriosa, como é a do sentimento, unha sorte de abraio emocional que pasamos de xeración en xeración e nos axuda a transformar o entroido tamén con sentido. Talvez nesas palabras vaia resumido o que significa pór o disfrace e experimentar o arrepío ancestral do primeiro lugar de pertenza, que adoita cambiar con nós.