O 30 de marzo de 1867 formalizouse a compra a Rusia do territorio de Alaska polos Estados Unidos de Norteamérica, que pagaron 7.200.000 dólares daquela época. Hoxe poderían chegar a ser 300.000 millóns, segundo distintos cálculos. Disque a presidencia de Donald Trump estaría disposta a pagar ata 700.000 millóns por Groenlandia. No caso de Alaska a operación foi realizada polo secretario de Estado William H. Sheward, durante o mandato de Andrew Johnson, décimo sétimo presidente dos Estados Unidos, quen sucedera a Abraham Lincoln despois do seu asasinato. O papel de Sheward desenvólveo agora o tamén secretario de Estado Marco Rubio.
En 1867, Rusia acababa de saír da guerra de Crimea, con importantes renuncias políticas e económicas. Non só tiña problemas de Facenda para afrontar os gastos do país, senón que perdera importantes posicións no xogo estratéxico da época fronte a Francia e o Reino Unido sobre todo. O Tratado de París de 1856 deixábaa bastante fóra de xogo, obrigada a renunciar na práctica á influencia que noutrora tivera no concerto europeo. Co imperio otomán en decadencia e outros desequilibrios na zona, apuntábase no horizonte unha nova orde internacional, un novo equilibrio das potencias dominantes.
Temos que empezar a ver o mapa mundial dende o casquete do océano Ártico, case coma cando a Administración de EE.UU. mercou no seu día o territorio de Alaska. Que estaba mercando daquela? Riquezas minerais (ouro), máis tarde petróleo, o importante comercio de peles e a chave do paso de Bering, que apenas a separa 80 quilómetros da Siberia rusa. Hoxe ten tanto ou máis valor ca daquela. A oferta do secretario de Estado Shewrad pode compararse coa que está realizando Marco Rubio nas conversas con Dinamarca, a Unión Europea e os groenlandeses, que teñen un réxime autonómico especial que contempla a posible autodeterminación do territorio e a xestión de recursos cun alto custo económico, custo que, chegado o caso, podería asumir o negocio norteamericano mantendo o nivel de vida dos groenlandeses. Porque diso se trata: terras raras, petróleo, minerais diversos, incluído ouro, e un posicionamento estratéxico moi importante no Ártico, que se converterá na nova grande autoestrada de comercio marítimo internacional.
Alaska pasou a ser novo estado estadounidense en xaneiro de 1959, pouco antes de Hawai (agosto dese mesmo ano). A Segunda Guerra Mundial converteu ambos os dous territorios en espazos estratéxicos de especial importancia. Nalgún momento, ao longo do século XIX e mesmo nos primeiros anos do pasado século XX, se falou de Canadá como obxectivo de ampliación do grande imperio norteamericano, na liña do que no seu día se fixo coa Luisiana, California ou Florida. Daquela houbo conversas importantes con Francia e co Reino Unido. Ollando o mundo dende o casquete ártico, coa República China atenta aos seus propios intereses nesa grande autoestratada comercial (e na posible operación Taiwán), e asumindo a fraqueza da Unión Europea, o mundo que se anuncia pinta ben diferente.