Ciencia no 2050

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

Dado Ruvic | REUTERS

08 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabamos de pasar o primeiro cuarto do século XXI. Entre a poboación xeral ás veces hai a sensación de que a ciencia non avanza tan rápido. Unha maneira de ilustralo é coas expectativas que creaban as películas de ciencia ficción dos anos 80, que daquela pintaban un mundo moito máis tecnoloxicamente avanzado que o actual. Pero o ritmo da ciencia nunca para e os seus resultados van medrando ata que de repente agroma un salto de nivel. Ocorre coas técnicas de edición xenética creadas en 2012, ou coas terapias de inmunidade e outras que floreceron durante a pandemia (grazas a adiantos que se foran incubando en décadas anteriores), que están xerando saltos en moitas disciplinas. Ou coa nova astrofísica de ondas gravitacionais ou os desenvolvementos da mecánica cuántica. Pero merece un capítulo aparte o ascenso das máquinas, que cada vez estará máis desencadeado. Hai analistas que opinan que para 2050 a maior parte da ciencia será froito de intelixencias artificiais (e mesmo que algunha chegue a ser autoconsciente?), e aí si que nos sorprenderá o ritmo de avances. Nese ano, lamentablemente, xa teremos máis que superado o umbral de sobrequecemento de 2ºC do planeta, e moito do esforzo investigador irá sobre como mitigar os notables impactos climáticos que sufriremos. Non descartemos o enconamento do debate xeopolítico sobre a alteración artificial da atmosfera, para inxectarlle partículas reflectantes para taparnos do sol. Agora semella imposible, mais é porque non somos quen de imaxinar a desesperación climática na que pode estar o mundo en 2050.