Xuíces vitalicios , independencia e lexitimidade democrática
OPINIÓN
A elevación da idade de xubilación dos maxistrados do Tribunal Supremo aos 75 anos e a figura tipo maxistrado emérito non cuestiona se 75 é moito ou pouco, senón que efectos institucionais produce e como deseñala para non erosionar confianza nin independencia.
Non nos achegaría a un sistema vitalicio, pero alongaría a permanencia dun órgano de peche.
Nos Estados Unidos, o nomeamento «de por vida» dos xuíces federais mentres manteña a condición de good behaviour é un deseño que non fixa unha idade máxima obrigatoria. A saída forzosa non vén polo calendario, senón por mecanismos políticos e xurídicos moi excepcionais (impeachment). O sénior estatus permite que o xuíz ou xuíza pode seguir exercendo, pero cunha carga reducida, e esa transición é voluntaria.
En España, a lei fixa a idade de retirada nos 70 anos, con posibilidade de prolongación até 72 (art. 386 LOPX). Elevar a xubilación no Supremo aos 75 avanza cara a permanencias máis longas nun tribunal, con enorme impacto na fixación da xurisprudencia.
Hai un risco de lexitimidade democrática, aínda que a reforma fose formalmente impecable: cando quen ocupa o vértice xudicial promove unha regra que beneficia directamente a quen xa está dentro, a medida pode ser vista como lexislación por interese propio. A independencia é ausencia de presión externa e confianza social na imparcialidade do sistema.
Alongar tres anos máis a presenza do mesmo cadro retarda a renovación e mantén máis tempo os equilibrios internos, pode actuar como tapón xeracional, e amplifica a sensación de «tribunal pechado», ao misturarse con dificultades estruturais para cubrir vacantes e bloqueos institucionais. Esta parche rápido evita atacar o problema de fondo.
E carrexa posibles mecanismos de «continuación» decididos caso a caso con marxe discrecional. A experiencia comparada é que a continuidade no cargo tras a idade ordinaria xera incentivos de carreira e dúbidas lexítimas sobre impermeabilidade fronte a presións. O TJUE censurou no caso polaco a manipulación da idade e a prórroga sometida a facultades discrecionais que poden afectar á inamovibilidade e á percepción de neutralidade.
O Consello Consultivo de Xuíces Europeos lembra que a confianza na independencia depende do deseño.
Un alto tribunal debe dar estabilidade, que non é sinónimo de inmobilismo. Permanencias moi longas poden atrasar a entrada de perfís con novas especializacións, prolongar inercias interpretativas e reducir pluralidade interna.
Avanzar nesta reforma esixiría aplicación cara ao futuro, réxime transitorio que evite beneficios inmediatos; transparencia plena; criterios obxectivos e verificables; motivación reforzada e posibilidade de control. E rotación e límites temporais nos cargos de dirección, para evitar acumulación prolongada de poder institucional
Se o obxectivo é non perder know-how, hai vías menos tóxicas. A resposta debería ser capacidade e planificación, non perpetuación alongando mandatos no vértice.
A independencia xudicial tamén vive da lexitimidade social. Unha medida que cheire a corporativismo pode ser legal e incluso útil, pero politicamente corrosiva. Cando falamos do Tribunal Supremo, a pregunta non é só ¿funciona mellor?, senón ¿segue parecendo impecablemente imparcial e republicano no sentido institucional do termo?