Economía, nos 75 anos de Galaxia

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

CARLOS FERNANDEZ SOUSA

31 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A economía galega confronta entre industrialistas e «os do non». Esta diverxencia vese agora no proxecto de Altri, na industria do vento —onde o non coincidiría con Trump— e tamén na minería. A economía de Galicia era a pesca, as eléctricas, o naval, a forestal e a madeira, o gando e o agro, a minería e a automoción, a celulosa, a alúmina, a conserva e o peixe conxelado, as telleiras e canteiras, as térmicas das Pontes e Meirama, a refinería e as empresas vilegas, entrelazadas nos polos de desenvolvemento, e máis a continua emigración. Economía acollida no Consello Económico e Social do Noroeste e nas súas análises, que deron paso ao INI, a Sodiga e ao Plan Territorial de Coordinación de Galicia.

 

En 1958, a Editorial Galaxia decidiu vindicar e analizar unha Galicia diferenciada tamén na súa economía. Ideas que agromaran nos ilustrados e na Sociedad Económica de Amigos del País, e que se reforzaron da man das revistas empresariais Industria Conservera e Industrias Pesqueras. Acompañadas pola innovación nos sindicatos agrarios e a Misión Biolóxica de Galicia. Antes, con Montero Ríos, viñeran as escolas de comercio, peritos, artes e oficios, e a escola de ciencias veterinarias de Santiago.

Unha reflexión económica que, logo da guerra, volve dende América coa Editorial Citania e con Ediciones Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, que promove a obra seminal da economía galega: Galicia como tarea (1959), de Valentín Paz-Andrade, precursora da súa La marginación de Galicia (1970). As dúas de forte —e pouco recoñecido— impacto no pensamento económico en Galicia, ben en El problema del desarrollo de la Galicia rural (1967) ou en O atraso económico de Galicia (1972), os dous de Xosé Manuel Beiras; tamén en Economía campesiña e capital (1960-1980), de Pepe Colino e Emilio Pérez Touriño (1983), sobre o pensamento económico no agro galego, todos editados por Galaxia.

Galicia como tarea chega acompañada da Revista de Economía de Galicia (REG, 1958-1968), da que Galaxia publicou 66 números. E neste 75 aniversario da editorial compre recordar que un dos aspectos menos celebrados foi a súa dedicación á economía de Galicia. Esquecemento reparado en parte por Xavier Martínez Cobas no libro conmemorativo Crear porvir, onde recolle un traballo de 2024 sobre a importancia da REG (doi.org/10.5209/ijhe.93232). Reparación que alcanza unha outra densidade —con gratas sorpresas— no libro de Xosé L. Pastoriza Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto. Filosofía e poesía que producen quilowatts, editado polo Centro Ramón Piñeiro da Xunta. Un libro que recoñece a tarefa da REG, de vida densa en apenas unha década. Unha obra senlleira que precisa análises abertas, que incorporen o pensamento de Paz-Andrade e mais o posterior, se o que se quere é deixar de simplificar os debates da economía en tempos da precariedade, cambio climático, intelixencia artificial e descarbonización, caso de chegaren. Un traballo debido cara ao 76 aniversario de Galaxia.