A desgraza dos excesos

OPINIÓN

Carlos Luján | EUROPAPRESS

29 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano, ao abrirmos os agasallos de Nadal, a miña avoa materna dixo unha frase que segue aí, latente, coma unha mensaxe xurdida dunha sorte de filosofía espontánea: «No pouco está a graza e no moito a desgraza». E esas palabras collen máis forza co tempo porque vexo o xeito de asoballarmos a infancia con tanto agasallo. Non hai dúbida de que aproveitamos estas datas de Nadal para intentar facer felices a esas criaturas que amamos. É un desexo comprensible. Pero tamén hai que recoñecer que, nun mundo tan consumista, as consecuencias destes excesos fan que a capacidade de ilusión dure menos do habitual e se pase dun agasallo a outro sen apenas tempo para o explorar.

Se cada desexo é satisfeito, os nenos interiorizan a idea de que todo se lles debe e a súa capacidade de aceptar límites será máis baixa. A satisfacción inmediata, esa estimulación constante, conduce ao aburrimento e a un futuro de persoas caprichosas, non dispostas a ningún tipo de frustración.

Teño para min que ningún agasallo pode substituír unha presenza, un xogo compartido ou a atención emocional que precisa un cativo. Por iso sempre lembro o día en que me regalaron uns xogos de mesa e a bicicleta. Non esquezo a miña baixada ao portal. Alí estaba, amarela, escintilante, do trinque. Nese intre, observando a ollada do meu pai e ese seu silencio satisfeito no que había un mundo de palabras, sentinme o neno máis afortunado, malia que moitos veciños xa había un par de anos que a tiñan e eu levaba un tempo soñando con ela, coma quen agarda por un milagre. Nese recordo feliz non esquezo as partidas que botamos todos xuntos ao parchís e, sobre todo, as tardes que o meu pai, sempre tan ocupado, me dedicou para me aprender a manexar a bici. Aínda sinto a súa respiración feliz na caluga e a man esquerda endereitando o guiador, mentres coa dereita suxeitaba a sela para que non caese e andase só polo mundo nun xoguete e cunha ilusión que durarían moitos anos.