Unha muller a quen amar. Un título fermoso co que Kallifatides, ao fío da morte da súa amiga Olga, reflexiona sobre a amizade, a vida e o seu final. Conta Kallifatides que coñeceu a Olga en 1967, pouco despois de chegar a Suecia desde a súa Grecia natal coincidindo co golpe militar dos coroneis en Atenas e a efervescencia estudantil contra a guerra de Vietnam. Kallifatides confesa que ancorado nos seus valores familiares, daquela non era «un mero simpatizante de esquerdas, senón un comunista convencido que soñaba cunha sociedade sen clases, desculpaba a Stalin pola masacre do seu pobo recorrendo a ideas como a necesidade histórica e non vía á socialdemocracia sueca como un compromiso, senón coma unha traizón».
A constitucionalización dunha democracia representativa e a construción do estado do benestar foron a base dese compromiso histórico entre democrata-cristiáns e socialdemócratas posterior á Segunda Guerra Mundial na Europa Occidental. Foi o triunfo de Kelsen e a idea da Constitución como límite dos poderes constituídos, garantía dos dereitos fundamentais e única fonte de validez de todas as demais leis. Unha vitoria fronte ao voluntarismo decisionista do Karl Schmitt antiliberal que fundamenta a construción da comunidade política na dialéctica amigo/inimigo. As democracias consensualistas estendéronse por Europa, en forma monárquica ou republicana, ata a última fornada de transicións en Grecia, Portugal e España previas ao desmoronamento do comunismo real. Pero, mentres tanto, o modelo decisionista e maioritarista teorizado por Schmitt callou en América. Desde a esquerda e no Sur cos teóricos do populismo do século XXI (Laclau e Mouffe, por exemplo) que propugnan a construción dunha identidade política antiliberal no que a confrontación schimittiana amigo/inimigo se transforma na loita do pobo contra as elites. E desde a dereita e no Norte, cun trumpismo que recupera os discursos dun Populist Party que a inicios do século XX atraía o voto de agricultores e traballadores industriais cun discurso anti elites liberais e con políticas proteccionistas e illacionistas. Ideas que volven ao vello continente, no noso caso da man dos iglesias e errejones desde o sur, e da dos abascais desde o norte.
Ese e non outro é o debate político de fondo que percorre Europa Occidental, e España en particular, ao remate do primeiro cuarto do século XXI. E xusto foi á defensa do modelo de democracia consensualista que nos demos os españois en 1978 ao que Felipe VI dedicou o seu discurso de Noiteboa, excelso na defensa da orde constitucional sobre a que se basean a nosa convivencia e paz social. Enténdense as críticas recibidas desde toda caste de decisionistas de extrema esquerda (Podemos), de extrema dereita (Vox) ou periféricos (Junts, PNV, Esquerra e, como non, o BNG).
No seu reflexivo Unha muller a quen amar, Kallifatides recorda que cando era novo debería ter sido máis sensato, e que foi grazas a persoas coma Olga que gañou en sensatez. Pero que se criara nunha época na que «estabas a favor dunha cousa ou doutra». «Témome que nos diriximos outra vez cara unha época así», afirma premonitoriamente no 2003. Oxalá o próximo cuarto de século traia moitas persoas ás que amar que axuden a recuperar a sensatez. Non semella que vaia a ser no 2026.