Sorprendidas?

Inma López Silva
Inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Carlos Castro | EUROPAPRESS

16 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é que sexa habitual ir a un acto e que un alcalde che toque unha teta ao estilo do señor franquista aquel, pero nós, as escritoras con tratos con políticos, sabemos perfectamente de que falan as denuncias por acoso. Non sei como, pero afixémonos a señoros con bastón de mando e garabata que insinúan, babosean, piropean, piden o teléfono e bromean arrimándose de máis. Eran bromas, dixo, precisamente, José Tomé nese primeiro momento en que apelou ao mesmo que apelaría calquera facha miserábel: denuncias falsas. Como manca cando esta porquería vén desa esquerda que enarborou a bandeira feminista para apañar os votos das mulleres. Claro que hai lugares onde non estraña. Perdóenme, amigas do PSdeG, pero esa permisividade das propias socialistas cara a acosadores e maltratadores co poder da perra chica de agrupacións locais cuxas actitudes eran vox populi facía parte do rollo cainita que precede un partido tomado aínda por unha fea xeración que se aferrou á Transición coma se eles, e non os gregos, inventasen a democracia. Eses mesmos machirulos de puro, cognac e Varón Dandy botaron as gadoupas sobre o feminismo que fixeron outras mentres compartían bordel cos adversarios políticos. Todo por manter a fratría. Todo para excluílas do poder. Non é casual, por iso, que sexa un #MeToo o que comece a desinfectar este PSdeG que leva desde o bipartito clamando por unha desparasitación a fondo e un envío ao desguace de tipos cuxo maior mérito foi perpetuarse no poder a base de erguer mediocres que lles aplaudían o machismo, a soberbia e a cutrez. E non se deleiten na desfeita allea, señores do PP e do BNG: o acoso na política é tan estrutural como contaxiosa é a denuncia. Hai moito que rascar. Sabémolo as escritoras coma ninguén.