Peste porcina e xabaril, avisados estabamos

Roberto García González LIÑA ABERTA

OPINIÓN

FRC | EUROPAPRESS

06 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde Unións Agrarias (UU.AA.), a nosa primeira mensaxe é a de tranquilizar a xente: a peste porcina africana (PPA) non afecta ás persoas. Non se contaxia polo contacto cos animais nin polo consumo de carne. Pero iso non quere dicir que non sexa grave: é un problema moi serio para o medio rural, para a economía galega e para a alimentación da sociedade, que pode perder unha fonte de proteína de calidade a prezo accesible se a enfermidade avanza.

En Galicia, o porcino é un sector estratéxico: factura arredor de 750 millóns de euros coa actividade de 2.300 granxas profesionais, o que representa milleiros de empregos en comarcas como Deza, Terra Chá, A Limia ou Bergantiños. Un foco de PPA significaría sacrificios masivos, peche de explotacións, perda de produción, caída de prezos en orixe e, ao cabo, alimentos aínda máis caros para as familias.

Esta situación víase vir. A poboación de xabaril leva anos descontrolada, hai estudos que elevan a 100.000 os exemplares nas mandas. Segundo Tráfico, prodúcense até dez accidentes de tráfico ao día; xa son máis de 15 millóns de euros en danos agrícolas e temos un impacto serio na biodiversidade pola depredación de fauna sensible. Ademais, unha sobrepoboación así aumenta os riscos sanitarios para as persoas e mascotas (lyme, hepatite E, tuberculose, etcétera). A caza social foi o único método de control, que realmente fixo un traballo encomiable, pero insuficiente en moitas zonas, porque os censos medraron moi por riba da capacidade de carga do medio natural.

Cando se rompe así o equilibrio, ou se actúa con xestión activa e criterios científicos, ou remata por impoñerse o control da natureza a través de enfermidades que deciman as poboacións, como a PPA. A pregunta é sinxela: queremos que sexa o virus quen poña orde, ou queremos facelo nós con planificación e responsabilidade?

Para Unións Agrarias, non actuar xa non é unha opción. Hai que baixar as densidades de xabaril, empezando polas comarcas con maior concentración de granxas porcinas, baseándose en datos e obxectivos claros: durante un tempo ten que haber máis baixas ca incorporacións nas poboacións. E, para iso, a caza cinexética, tal e como está hoxe formulada, vai ser insuficiente; fan falta métodos complementarios e actuacións profesionais alí onde a caza social non chega.

Unha vez restaurado un equilibrio razoable, a caza cinexética e social si pode volver ser a ferramenta principal para manter as poboacións en niveis sostibles, mediante plans de xestión e cotas axeitadas. Pero para chegar a esa fase de mantemento é imprescindible unha fase de choque que a día de hoxe non se está a planificar. Galicia ten competencias plenas en caza e en sanidade animal. E non podemos limitarnos a delegar comodamente a xestión do problema na caza social, máxime cando nos últimos vinte anos perdeu case 70.000 licenzas. A caza será parte da solución, pero non lle corresponde tomar as decisións nin cargar soa cun problema que é sanitario, económico e social.