Financiamento autonómico: punto final?

Juan Alberto Turnes ECONOMISTA

OPINIÓN

Carlos Luján | EUROPAPRESS

29 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O sistema de financiamento é o piar financeiro do noso Estado do benestar; define os recursos que proporcionamos aos servizos fundamentais, as relacións entre as comunidades autónomas e entre estas e a Administración xeral. Xa hai anos que este debería ser reformado dende a súa posta en marcha no ano 2009, pero a complexidade política impediuno. A eterna reforma do financiamento autonómico segue a continuar e todo apunta a que se aproxima un novo marco. Iso si, sen saber moi ben os posibles prazos, pero asumindo que máis que reforma será un novo parche que seguirá prolongando o café para todos.

Polo que se vai sabendo a través do anunciado pola Generalitat e o ministerio, o Estado central sería o principal axente sobre o que pivotaría a reforma, proporcionando ao sistema entre 15.000 e 20.000 millóns de euros, de tal forma que se reformularía a poboación axustada para o reparto deses fondos e tratando de respectar o principio de ordinariedade: aquela comunidade con recursos por riba da media, unha vez ceda recursos, seguirá estando por riba da media. Desta forma trataríase de matar dous paxaros dun tiro: satisfacer a demanda do «financiamento singular» de Cataluña sen quebrar o statu quo do sistema. Sen embargo, a reforma de elementos clave do sistema que permitan seguir avanzando nun proceso de federalismo forte (autonomía financeira, cambios institucionais de carácter federal, etcétera) parece descartarse.

O actual modelo repercute de forma desigual en catro grupos de autonomías. Por unha banda están as comunidades forais e outras do seu entorno (Cantabria, La Rioja, Aragón) ás que sen dúbida, aínda que por razóns ben diferentes, lles resulta moi positivo o modelo. Noutro bloque sitúase Madrid, onde, como consecuencia das economías de aglomeración e sesgos estatais, o sistema adáptase perfectamente as súas necesidades. Outro bloque estaría configurado por Cataluña, que sen lugar a dúbida séntese agraviada polos privilexios daquelas outras comunidades; e finalmente estarían aquelas onde os gobernos das mesmas non amosan moito interese no sistema. Non nos esquecemos de Valencia, pero a súa situación é tan particular que resulta unha anomalía no sistema de difícil solución.

A este quebracabezas político haille que engadir a alta posibilidade da inexistencia de Orzamentos para o ano 2026, o que dificultaría, aínda mais, cambios substanciais no modelo e na operatividade do mesmo. Sen Orzamentos, as estimacións de ingresos a percibir polas regións dificúltanse, o que pode condicionar as políticas públicas.

Concluíndo, o debate sobre os procesos de descentralización e federalismo son complexos en calquera país porque abarcan múltiples arestas non facilmente conectadas entre si. En España hai que engadir ademais que estamos ante un fin de época que probablemente pon o punto e final ao denominado «café para todos». Sen embargo, costa recoñecer este feito. Nos países avanzados, se se quere seguir progresando, os debates débense dar dende a máxima transparencia, deixando a un lado a guerra política/cultural, asumindo os grandes retos aos que temos que facer fronte e tratando de adaptar dito progreso a tales retos. Sen dúbida, a reforma do financiamento autonómico é o máximo exemplo de como facer xustamente o contrario.