Participei nas xornadas Olladas no Pasado 2025 coas que o Centro Ramón Piñeiro conmemorou os 110 anos do nacemento do intelectual e político que dá nome á institución, e fíxeno para negar unha falsidade que repiten teimudamente os seus inimigos e que aceptan inxenuamente boa parte dos que respectan a súa memoria: que a estratexia de Piñeiro fracasou nas primeiras eleccións democráticas ao non conseguiren representación parlamentaria os partidos de ámbito galego.
Piñeiro quería partidos galegos para que, chegada a democracia, os partidos españois das mesmas ideoloxías pactasen cos nosos e aceptasen a dirección dos cadros galegos, como fixo o PSOE en Cataluña co PSC. O plan non foi adiante porque uns partidos non chegaron a constituírse e porque o Partido Socialista Galego, liderado por Beiras, rexeitou a oferta que o PSOE nos fixo en 1977, a través de Francisco Vázquez e Andrés Eguibar, na que nos ofreceron os dous primeiros postos nas candidaturas ao Congreso nas catro provincias e candidaturas pactadas ao Senado. A partir dese momento xa non se pode falar da estratexia de Piñeiro, senón da responsabilidade do PSG.
Despois do desencontro, Beiras entrou en pánico e tras unha conversa con Piñeiro na que viu o que ía pasar na próxima confrontación electoral, convocou na súa casa os representantes territoriais, días antes da data límite para a presentación das candidaturas, e preguntounos se non deberiamos aceptar a proposta do PSOE. Os máis novos foron os primeiros en refugar a idea porque «iamos arrasar» e logo sumáronse outras voces igualmente optimistas. Razóns non parecían faltar. O día do peche da campaña, o PSG tería 5.000 seguidores no Pavillón de Deportes da Coruña, e o PSOE, 500 na Polideportiva. Porén, o resultado foi o esperado. Ata a unha da mañá, o PSG tiña un escano que perdemos en canto empezaron a contarse os votos das zonas rurais. Beiras caeu nunha terrible depresión da que saíu varios anos despois convertido nun home distinto e só a partir dese mecanismo de defensa fronte a traumas severos que é a chamada «memoria histérica» pode entenderse que leve cincuenta anos tentando responsabilizar a Piñeiro dos propios erros. Nunha entrevista feita en 2016 desde a adoración ou o arroubo —o entrevistador di «Los pelos y la barba son tan blancos, y los ojos tan azules, que la cara de Xosé Manuel Beiras evoca la bandera de Galicia»—, enrestra trolas como quen enrestra barallocas, e ata nega a participación de Piñeiro na creación do PSG e que levase os líderes a Italia e Alemaña para estableceren relacións cos socialistas europeos.
Porén, os que temos memoria histórica non podemos deixar de pensar o que puido ser a preautonomía galega con oito pesegos no Congreso, e o que sería hoxe a política galega co PSG que Beiras e os membros da executiva, con torpeza infinita, matamos e enterramos.