Os Monegros, territorio situado entre Zaragoza e Huesca. A súa paisaxe é case lunar. Clima próximo ao desértico. Hectáreas e hectáreas de soidade. Conducir por aquela rexión produce abatemento. De noite, máis. O Paco Mariló, cando vivía en La Seu d'Urgell e traballaba como pescadeiro, algunha vez tiña que pasar por alí. Un día escuro, xa moi fatigado no camión, viviu unha experiencia que corenta anos despois aínda non esqueceu. Escoitaba a Los Chichos na radio do vehículo. Tal vez eran Los Chunguitos, non o recorda con certeza. «Dame veneno que quiero morir, dame veneno», cantaban. De súpeto, un resplandor cegouno. Varias luces parecían achegarse cara a el. Acelerou. Sen dúbida tratábase dun suceso paranormal. Un ovni, quizais. Ou un pesadelo. Por iso parou. Acendeu un cigarro. Respirou e seguiu viaxe cara á casa. Non lle contou a ninguén a súa visión. Ao día seguinte volveu ao lugar onde sufriu aquela luz cegadora. Había varios paisanos traballando a terra. Moi alegres todos. E moi esforzados: laboran de luns a sábado e só descansan os domingos. O Mariló preguntoulles se viran algo estraño a noite pasada, unhas luces, obxectos non identificados. Todos contestaron que non. O noso Paco relatou a experiencia aos traballadores. Un preguntou: «Usted es gallego, ¿verdad?». «Sí, a mucha honra», repondeu o Mariló. «Pues mire, gallego, eran tractores arando la tierra de noche, que aquí el clima es muy duro». Os labregos riron. O Mariló, tamén. Máis tranquilo subiu ao camión. Antes, outro dos agricultores dixo: «Gallego, ¿sabe usted en que se diferencia un ovni de un domingo?». O Mariló, mentres acendía un pito, escoitou: «El domingo y los ovnis pasan volando». Fin.