Galicia e a dereita radical: unha relación (im)posible
OPINIÓN
Galicia aparece a miúdo como unha rara excepción no mapa europeo da dereita radical. Mentres noutros territorios este tipo de forzas avanzan, aquí seguen sendo marxinais. Mais antes de celebralo con entusiasmo institucional, convén preguntar se esta ausencia responde a unha saúde democrática exemplar ou, pola contra, a unha política sometida a unha recalibración constante do conflito.
Para entender de que falamos é necesario afinar conceptos. O politólogo neerlandés Cas Mudde distingue entre dereita radical e extrema dereita. A dereita radical acepta formalmente a democracia pero cuestiona os seus fundamentos liberais: o pluralismo, os dereitos das minorías, o multiculturalismo ou a igualdade substantiva. A extrema dereita, en cambio, non só rexeita estes principios senón que cuestiona directamente a democracia representativa, apostando por modelos autoritarios e liderados fortes.
A politóloga estadounidense Pippa Norris formula a teoría do cultural backlash, segundo a cal o auxe da dereita radical non é só unha resposta á crise económica ou á inseguridade material, senón tamén unha reacción cultural fronte aos valores progresistas asociados ao feminismo, á diversidade sexual, á inmigración ou á globalización. É dicir, non se trata só de medo ao empobrecemento, senón tamén de resistencia simbólica fronte a unha transformación dos marcos morais e identitarios.
En Cataluña, onde Vox e Aliança Catalana medran simultaneamente, conflúen dous elementos decisivos: unha forte polarización identitaria e un sistema de partidos altamente autónomo, estruturado nun dobre eixo, esquerda-dereita e nacional catalán. Esta complexidade xera competencia, conflito e visibilidade. Onde hai tensión constante, hai espazo para o discurso do orde, do medo e da purificación simbólica.
Galicia, pola contra, non desenvolveu un sistema político propio plenamente autónomo. O resultado foi un modelo híbrido e dependente, no que o nacionalismo quedou concentrado no BNG e a dereita foi absorbida case integramente polo Partido Popular, que opera como eixo central do sistema.
O PPdeG construíu unha narrativa de estabilidade, continuidade e xestión técnica que reduce conscientemente o conflito, evita grandes debates estruturais, e proxecta a imaxe dunha normalidade permanente. O obxectivo non é simplemente gañar eleccións, senón limitar o propio espazo do desacordo político, rebaixar a temperatura da discusión pública e impedir que se consoliden clivaxes capaces de xerar competencia real pola dereita ou pola esquerda.
Esta práctica produce un efecto ambivalente. Por unha banda, inhibe o crecemento dunha dereita radical populista, o que pode interpretarse como positivo. Pero, pola outra, empobrece o pluralismo, reduce a densidade do debate político e debilita os espazos de deliberación democrática.
O resultado é unha progresiva hiper-executivización da vida pública. O Parlamento galego perde centralidade simbólica e mediática, e con el a capacidade de configurar o debate político colectivo. A política transfórmase en xestión, a discrepancia en ruído molesto e a confrontación en problema a evitar. Menos conflito, si, pero tamén menos política.
Neste contexto encaixa tamén a cuestión migratoria. Ata o de agora, a inmigración non se percibe de maneira masiva como un problema, especialmente no ámbito rural, onde opera máis como resposta á despoboación que como ameaza social. Non obstante, nos espazos urbanos comezan a emerxer discursos incipientes de inseguridade, competencia por recursos e tensión simbólica.
O que frea esa posibilidade non é tanto unha inmunidade social como a falta dunha cultura política auto-organizativa á dereita do PP. Galicia carece dunha tradición de dereita propia diferenciada, o que dificulta a cristalización dun proxecto alternativo. Pero isto non é sinónimo de imposibilidade: é, simplemente, unha suspensión temporal.