Facultade de Medicina: sumemos porque descentralizar non é dividir

Begoña Graña Suárez XEFA DO SERVICIO DE ONCOLOXÍA. ÁREA SANITARIA PONTEVEDRA E O SALNÉS. COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE PONTEVEDRA

OPINIÓN

María Pedreda

12 nov 2025 . Actualizado a las 12:43 h.

A descentralización da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (USC) volveu situarse no centro do debate público. A necesidade de estender a docencia da Medicina extramuros de Compostela espertou paixóns e posicións enfrontadas. Porén, o que debería ser unha decisión estratéxica para o futuro da sanidade galega corre o risco de converterse nunha disputa localista, un erro histórico.

A pregunta fundamental non é «onde» debe estar a facultade, senón «como» pode Galicia formar os mellores médicos posibles coas infraestruturas, profesionais e recursos que xa ten. A resposta non está en multiplicar facultades por interese político nin en recentralizar a formación en Santiago por tradición, senón en artellar un modelo único de ensino descentralizado baseado en tres principios: eficiencia no uso dos recursos públicos, mérito académico, e accesibilidade territorial.

A Medicina é unha titulación que require un nivel de esixencia docente, investigadora e clínica moi elevado. A calidade non se improvisa: precisa profesorado acreditado, investigación competitiva e hospitais con capacidade docente e servizos de referencia. A Universidade de Santiago, como institución histórica, cumpre hoxe ese papel vertebrador. Pero Galicia conta con moitos máis centros que poden e deben participar activamente na formación médica.

As áreas sanitarias de Vigo e A Coruña, pero tamén as de Ourense, Pontevedra, Lugo e Ferrol, acollen profesionais de primeiro nivel, con servizos de alta especialización e experiencia docente. Incorporar estas unidades á estrutura da facultade non restaría calidade, senón que a multiplicaría, sempre que se faga baixo criterios de mérito, avaliando a capacidade formativa e investigadora de cada servizo, e non por intereses de representatividade territorial.

Crear facultades desde cero suporía duplicar infraestruturas, persoal e custes administrativos nun momento en que o sistema público precisa optimizar cada euro investido. A solución intelixente é aproveitar o que xa existe. Galicia dispón dunha rede hospitalaria completa e moderna, distribuída polo territorio, que podería actuar como plataforma docente descentralizada coordinada pola USC.

Un modelo así non só evita o despilfarro, senón que aumenta a rendibilidade social da inversión pública. As universidades e o Sergas poden colaborar nunha rede docente única, compartindo profesorado, tecnoloxía e investigación e reforzando a cooperación. A docencia médica debe ser unha política de Estado —ou, neste caso, de país—, non un escaparate local.

Unha formación médica de calidade non pode restrinxirse ás grandes cidades. O contacto co paciente rural, co hospital comarcal e coa atención primaria é fundamental para formar profesionais próximos, empáticos e coñecedores da realidade sanitaria do territorio. Por iso, integrar os centros máis pequenos —os de Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e mesmo hospitais comarcais— é unha obriga non só académica, senón ética.

Unha facultade descentralizada e cooperativa permitiría que os estudantes rotasen por distintos contextos asistenciais, coñecendo a diversidade da práctica médica galega e fomentando, de paso, que moitos deles se vinculen profesionalmente ás áreas periféricas, contribuíndo a paliar o déficit de médicos en determinadas zonas.

O modelo galego de atención oncolóxica en rede, que se está a preparar para a avaliación europea no marco do European Comprehensive Cancer Center, é un excelente exemplo de como se pode aplicar unha descentralización baseada en mérito, eficiencia e cooperación territorial. A rede oncolóxica galega funciona como un sistema interconectado no que os grandes hospitais de referencia —como o Chus, o Chuac ou o Álvaro Cunqueiro— coordinan servizos, investigación e protocolos comúns cos centros más pequenos. Isto permite ofrecer tratamentos de alta complexidade en unidades de excelencia, mantendo á vez a proximidade asistencial e garantindo a equidade territorial.

Galicia pode ser avaliada como un único centro integral de cancro europeo, grazas á cooperación real entre profesionais e institucións. Esa mesma filosofía debería inspirar a estrutura da Facultade de Medicina: unha facultade en rede, sustentada na coordinación e non na fragmentación.

As universidades e a Administración deben actuar con visión de país. Descentralizar non é dividir, é multiplicar. A Facultade de Medicina de Galicia debe ser única, pero espallada, meritocrática e eficiente, capaz de integrar todo o potencial asistencial e docente da comunidade. Só así se formarán profesionais á altura das necesidades.

É o momento de deixar a política de lado e apostar pola razón, pola ciencia e polo mérito. Porque formar bos médicos é, en definitiva, unha cuestión de saúde pública e de futuro colectivo.