Hai silencios que pesan máis ca unha cadea. Durante máis de corenta anos, entre 1941 e 1985, houbo unha institución creada polo réxime franquista e adscrita ao Ministerio de Xustiza cuxa finalidade declarada era «protexer» ás mulleres caídas ou en risco de caer: o Patronato de Protección á Muller —nome que soa a amparo e cheira a cárcere. Coa escusa de amparar ás rapazas prostituídas ou en risco de selo, foi lugar onde se confinou o desexo, a liberdade e a dignidade de milleiros de mozas que ousaron ser elas mesmas. Mulleres que non encaixaban no molde estreito da obediencia, da castidade e da devoción que o franquismo e a moral católica tallaran como corsé para a metade da humanidade.
Foi un instrumento de control social e moral sobre as mulleres, para castigar a sexualidade feminina e o disenso respecto do modelo de virtude imposto polo nacional catolicismo machista, especialmente mozas, pobres, embarazadas fóra do matrimonio, incluso por mor dunha violación, prostitutas, rebeldes, lesbianas ou simplemente non normativas, que perpetuou o modelo de muller submisa, nai e esposa, sometida á autoridade do home, do Estado e da Igrexa.
A institución estruturábase nunha xunta nacional presidida por Carmen Polo de Franco e xuntas provinciais, e apoiábase nunha ampla rede de ordes relixiosas femininas, como as adoratrices, oblatas, trinitarias, ou as escravas da virxe Dolorosa. Estas congregacións xestionaban centros de internamento, reformatorios e maternidades onde as mulleres eran recluídas. Baixo o pretexto da redención, erixiuse unha maquinaria de control e humillación. As portas pechábanas monxas de hábito branco e corazón endurecido pola doutrina. As mans que deberían acoller, castigaban. E detrás de cada muro, o mesmo eco: rezar, limpar, traballar, calar. Pedir perdón por vivir fóra da norma. O padroato non protexía: vixiaba, adoutrinaba, corrixía. Convertía a pobreza en culpa, a rebeldía en pecado, a dor en penitencia.
Sorprende que este sistema sobrevivise á propia ditadura, continuando en democracia ata mediados dos oitenta. En 1983, coa creación do Instituto da Muller, iniciouse a súa disolución, mais os últimos ingresos documentáronse en 1986. O descoñecemento social desta represión de xénero débese, en parte, ao silencio das institucións e á estigmatización das vítimas, que moitas veces prefiren chamarse «superviventes».
Neses templos do medo foron encadeadas mozas que só tiñan o delito de amar, de fuxir, de soñar, de saír da norma. De seren corpo e non sombra. O frío atravesaba as paredes coma un castigo máis, e o tempo medíase en rezos, en traballo e en silencio. As que saíron deses muros cargaron para sempre coa ferida do estigma, a vergoña herdada, a culpa aprendida. Chamáronas caídas, descarriadas, enfermas, tolas. E por iso moitas calaron, invisibles, como se o silencio fose o último mandato do padroado.
Só agora, co paso do tempo e a valentía das mulleres superviventes, empezamos a poñerlles nome, rostro e voz. Cada testemuño é un acto de resistencia contra o esquecemento.
A historia destas mulleres é tamén a historia dun país que preferiu non mirar, que tapou a súa propia infamia baixo o velo da caridade.
As mulleres encerradas nel foron vítimas dunha vulneración sistemática dos dereitos humanos, sombras que o esquecemento tentou borrar da historia, e a súa memoria forma parte pendente da reparación que establece a Lei de Memoria Democrática. Non é só unha débeda moral, senón unha ferida que o país debe nomear para poder sanala.