Está aquí o outono, sen traer con el o fresco. As follas, aínda verdes, dubidan se abandonar as pólas. Os abrigos dormen nos armarios e os termómetros manteñen a súa carreira particular por ver quen chega máis alto.
Non sei en que estación do ano vivo. O cambio de temperatura deixou de sorprenderme pero, que pasa coas árbores froiteiras? E as colleitas? Todo chega a destempo e non se logran os froitos como é debido.
Se a natureza está desorientada... que agardar de nós? Non son poucos os estudos que aseguran que a calor afecta á concentración, á memoria e ata á capacidade de tomar decisións atinadas. Volvémonos irritables, dispersos ou lentos.
O cerebro humano é fillo da climatoloxía, por iso semella que esta calor prolongada lle estea a pasar factura. Derreteránsenos as neuronas? Habitamos un outono mental?
Chamádema esaxerada, si, pero coas neuronas abafadas quen pode pensar en frío? Tomo alento e penso. Quizais teña unha boa explicación diante dos fociños! E se esta causa xustifique certas actitudes?
Refírome a esa xente á que lle dis «how are you?» e entende «voute canear!», nunha tradución lingüística imposible. Danse casos, créanme. Tamén os hai que non lembran caras de compañeiros de falcatruadas, coma se non os visen antes diante, ou esas decisións tomadas no seu posto de traballo que esqueceron. Ai se falamos de cartos!
Se cadra, máis ca aire acondicionado, o que precisamos é un refrixerio intelectual colectivo. Busquemos o verdadeiro outono, dentro e fóra de nós.