Non hai son máis fermoso que o son das pingas de chuvia no tellado nin cheiro máis evocador que o cheiro da terra mollada.
Pero, como todos os sonos, son só sonos, porque esta campaña de incendios está a piques de rematar pero haberá máis, moitas máis e igual de terribles que esta ou aínda peores.
Nada fai presaxiar que isto vaia mellorar. E mentres que imos facer? Pois o de sempre, soñar e nada máis.
Tamén falamos, analizamos a situación, buscamos por ques, pedimos solucións como si alguén tivera a fórmula máxica. Hai que pedilas igual. Está ben, si os problemas non se poñen enriba da mesa, é como se non existiran e iso é aínda peor.
Saímos á rúa para protestar polos incendios, buscamos responsables, ten que haber un responsable de todo isto, claro... que si política forestal, que si cambio climático, que si despoboamento..., e chove. En nadiña reverdece Galicia e para o Nadal xa estamos falando doutro tema.
E os que saímos ás rúas para protestar polos incendios tamén saímos, pero antes, das aldeas, e para non volver. Deixamos todo, si acaso plantamos nas leiras uns eucaliptos ou uns pinos para que dean algo, aínda que sexa mesmo na aira da casa, deixamos de limpar os carreiros e cando os avós xa non estean, tamén deixaremos que as silvas medren polas paredes. Xa saímos da aldea.
E mentres vai quedando xente polo camiño, van quedando cicatrices que non van desaparecer, vai quedando o medo instalado nos nosos corazóns, incluso os da xente máis brava, a que vai en punta de lanza, a nosa xente, a que traballa no lume, porque a próxima campaña está aí en nada. Só temos uns meses para soñar.
E ás que nos gusta o son das pingas no tellado seguimos tendo ese nó na boca do estómago cando escoitamos que algún dos nosos quedou atrapado no lume, porque podía ser calquera, porque foron eles, os nosos e porque o lume non fai distincións e non ten piedade cos que se enfrontan a el.
Chove. E o son que nos da a calma e o cheiro que nos fai soñar.