Supoño que a estas alturas da película, todos temos claro (agás os ultras ou os moi intoxicados) que o comportamento do Goberno de Israel coa poboación civil de Palestina non ten xustificación posible. E antes de que me digan que estou a favor de Hamás, que non o estou, faltaría máis, déixenme aclarar que con quen estou é cos dereitos humanos, coa razón e, sobre todo, coa vida das persoas inocentes que o único que queren é vivir en paz.
Partindo desde aí, debemos dicir con absoluta claridade que España, que tan axiña se apresurou (e ben que fixo) a recoñecer o Estado palestino, debe romper relacións diplomáticas con Israel ata que cese o xenocidio que está cometendo. E digo xenocidio porque non se lle pode chamar «lexítima defensa», a non ser que admitamos que tamén foi iso o que fixeron os nazis con xudeus, os hutus cos tutsis, Hussein contra o seu pobo, ou os serbobosnios coa poboación musulmá na guerra dos Balcáns. Un xenocidio é a tentativa consciente de acabar cun pobo, cunha etnia, cunha cultura. Non hai máis que ir ao dicionario da RAG para saírmos de dúbidas: «Exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos». No caso do exterminio en Palestina, o xenocidio semella ser polos tres motivos. Hai odio étnico: unha chea de ministros do Goberno non se cortan á hora de expresar, entre berros, o odio que lle teñen aos palestinos e o seu desexo de facelos desaparecer da Terra; hai motivos relixiosos: boa parte do Goberno de Netanyahu son fudamentalistas convencidos de que o seu pobo é o elixido de Deus. Na miña aldea a iso chamámoslle «fanatismo». E hai poucas armas máis letais que as que atopa un fanático que se sinte —como Franco no seu día— abeirado á vontade de Deus; e hai motivos, obvios, políticos.
É necesario romper relacións cun Estado xenocida porque, se non se fai, estase a ser cómplice. Cuba leva soportando décadas un bloqueo político e económico que, incriblemente, ninguén discute. Pero con Israel non se sabe moi ben por que non se toman medidas.
Quizais teña que ver o feito de que en todos os xenocidios recentes (o Holocausto, Ruanda, Siria, Iraq…) os Estados Unidos, aquel país que se gababa de representar a ética e a defensa dos dereitos humanos, dalgunha maneira, interveu ou forzou aos seus aliados a facelo. Por vez primeira, diante dun xenocidio, os Estados Unidos se alían co xenocida, lle dan apoio e ata vetan resolucións da ONU que vaian contra os intereses de Israel. Trump, non o dubidemos, non pasará á historia só por ser un burricán desinformado. Pasará, sobre todo, por ter apoiado o que debemos chamar, sen máis disimulos, xenocidio.