O castelán e o galego son as únicas linguas nas que a palabra ilusión ten unha connotación positiva, e a verdade é que é unha palabra ben fermosa. Cómpre agora recuperar forzas no verán para volver con enerxías renovadas e perseguir os nosos soños con ilusión. Eu pódovos dicir que, a pesar de cumprir xa anos, teño máis ilusións ca nunca. É certo que, no plano científico, as miñas prioridades foron cambiando, e unhas ilusións foron substituídas por outras, ben porque xa foron cumpridas ou ben porque está en mans doutros continuar os soños que aínda teño.
Así, desde a Medicina Legal —onde penso que deixei todo, a nivel nacional e internacional, ben encamiñado, pois a xustiza foi a miña primeira prioridade— concentro agora os meus esforzos na saúde, e teño o soño de deixar a Galicia e ao noso país coa mellor medicina xenómica do mundo, de modo que os doentes poidan beneficiarse dos seus avances e que a investigación no meu campo progrese e axude aos que sofren enfermidades raras, cancro ou calquera enfermidade que teña un compoñente xenético.
En investigación, entre todos os proxectos nacionais e internacionais do grupo, o que máis ilusión me fai é o Proxecto Xenoma Galicia, porque penso que é un proxecto disruptivo, que debe ser visto como un proxecto de país, e que vai dar, de forma directa, resultados en saúde. Pero, ademais, vai representar unha revolución sen precedentes no noso sistema de investigación e nos sectores biotecnolóxico e farmacéutico, nos que podemos chegar a ser dos máis punteiros do mundo.
Pero teño aínda outros soños: como a mellora do noso sistema educativo, a comprensión dos trastornos psiquiátricos e a mellora da atención ás persoas que os sofren, ou a necesidade dunha humanización da medicina. Sei que non vou poder cumprir todos —nin sequera vivindo un par de vidas máis—, pero si que podo contribuír co meu esforzo, aínda que sexa como un gran de area, a que se fagan realidade, porque non sabedes a ilusión que me fai pensar que un día eses soños se cheguen a cumprir.