A importancia das palabras

Víctor F. Freixanes
Víctor F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Alejandro Martínez Vélez | EUROPAPRESS

06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se somos conscientes do que significan as palabras. Ás veces son como ferros, puñais, trallas que feren e aldraxan. Outras veces bálsamos, portelos luminosos, camiños que nos axudan a seguir. Levo tempo atento aos debates parlamentarios, tanto no Parlamento noso como no Parlamento do Estado, algo menos no Europeo, e debo recoñecer que de bastante tempo para acó as que mandan son as primeiras: as que mancan e maltratan. Non as que poñen razóns enriba do estrado, nin argumentos, que son o principio etimolóxico do Parlamento: do latín parlare, ‘falar’, mesmo ‘discutir’, porque da discusión, que non é incompatible co respecto, tamén nace a luz. Os antigos identificaban o verbo dis-cutir (ou de-bater) coa acción agrícola que se aplicaba a algunhas árbores para obter mellores froitos. Axitábase a árbore para arredar o froito seco do froito logrado, que simbolicamente vén ser arredar a mentira, ou o falso, a prol do verdadeiro.

  Unha inxenuidade? Cando explicabamos ao alumnado de Dereito os principios da retórica (a arte de convencer), insistiamos moito en que desgraciadamente a tal arte pouco ten que ver coa verdade dos feitos que se xulgan, senón coa capacidade de sedución dos que actúan diante dun tribunal ou diante dun foro. Alguén dirá que para iso están as leis, para marcar as regras que impidan o abuso de tales mañas. Mais a realidade se impón. A elaboración das leis tamén depende das artes de convencer, cando non da matemática dos escanos.

A grandeza da democracia consiste en que se fundamenta no demos, quero dicir: na xente que exerce o seu dereito a voto e desa maneira establece (ou pode establecer) os principios desa relación, discusión ou debate. A súa fraqueza reside na vulnerabilidade ou fraxilidade do demos diante da manipulación do poder que quixera sustentarse nel, manipulación dos poderosos a través da propaganda, as tecnoloxías e os medios de comunicación, os poderes financeiros e, en xeral, cantas organizacións ou estruturas actúan sobre a opinión pública á que periodicamente se lle vai pedir o voto.

Volvo ao principio da miña reflexión. Nunca as palabras significaron tanto e, non obstante, nunca estiveron tan depreciadas. Aqueles (e aquelas) que exercen o poder dende o foro democrático deberían ser moi conscientes do fráxil material co que traballan. Todas as palabras significan. Pero nos últimos tempos un ten a sensación de que estamos a sementar un campo de minas e que alguén sae a poñer novas cargas cada día, a ver se o inimigo salta dunha vez polos aires. Trátase diso? De facelo saltar polos aires? Pois mal andamos porque a historia demostra que cada vez que salta un aparecen outros tres. O parlamento (de parlamentar) consiste en atopar as fórmulas para establecer bases comúns (acordos). Se non en todos os temas, nos fundamentais, que son bastantes. Mais xa dixen máis arriba que se cadra isto é unha inxenuidade.