O polbo en Galicia

Victoriano Urgorri
Victoriano Urgorri CATEDRÁTICO EMÉRITO DE ZOOLOXÍA MARIÑA. UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

OPINIÓN

MABEL R. G.

03 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O polbo, sen dúbida, é o animal mariño máis representativo de Galicia e un dos máis apreciados da nosa gastronomía (á galega, á mugardesa. á prancha, etcéter). É coñecido cientificamente como Octopus vulgaris Cuvier, 1797, sendo un molusco cefalópodo mariño, da orde Octopoda pola coroa de oito tentáculos que rodean a súa boca, cada un provisto de dúas ringleiras de ventosas adhesivas na súa parte interna. Son animais carnívoros, depredadores, de hábitos nocturnos e que viven agochados en gretas e, a pesares de seren moluscos, carecen de cuncha ou doutra estrutura esquelética. É un animal extremadamente intelixente e os científicos consideran que o cerebro do polbo posúe elementos xenéticos análogos aos do cerebro humano. Teñen unha memoria extraordinaria e a súa capacidade intelectual permítelles manipular obxectos e empregar ferramentas.

Os medios de comunicación salientaron, hai uns meses, que segundo os mariñeiros, era necesario protexer a reprodución desta especie, pois as capturas de polbos descenderan un 50 % en Galicia nos últimos dous anos. E cal é a causa disto? Moitos pensaron que se debe exclusivamente á sobrexplotación do recurso, pero sen dúbida non é así. Temos que considerar que o ser humano é a especie máis contaminadora do planeta; pensen que xa imos por 7.700 millóns de habitantes e, en consecuencia, biolóxicamente somos unha gran praga. E que provoca a praga deste bípede, pois facemos unha brutal degradación e transformación do litoral, algo do que sabemos ben os de Ferrolterra, pois en 1999 a ría de Ferrol era a de maior produción marisqueira de Galicia, por unidade de superficie, pero o espigón do porto exterior de 1.067 metros de lonxitude anulou e derivou a corrente de auga, importantísima para o marisco, que aportaba á ría moitos nutrientes e plancto.

Sen dubida somos os responsables da destrución do medio ambiente mariño e da súa fauna, fundamentalmente por esa idea que temos de que o mar é inesgotable e que podemos explotalo e espremelo sen medida. Nunca entendín a razón que levou a Linneo a poñerlle ao xénero Homo o epíteto especifico sapiens (o home que sabe), pois realmente estaríamos mellor definidos se o epíteto especifico fose ignorare (o home que non sabe).