O ventilador

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

Fernando Sánchez | EUROPAPRESS

29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai moita calor. A calor, esa forma de enerxía que muta a materia, dilatándoa, ou cambiando o seu estado de sólido a líquido ou gasoso, ou que modifica a súa resistencia, ou mesmo inicia ou acelera reaccións químicas. E económicas: soben as temperaturas, increméntanse as vendas de ventiladores. Cantaba o Gato Pérez que era «el artefacto más peligroso que mete ruido por los salones (…) ese truco tan ingenioso y de fácil ejecución, seguro que no conoce ni el mismísimo James Bond, todas las grandes potencias pretenden averiguar, hasta el Pacto de Varsovia, el Pentágono y la OTAN».

No Salón de Plenos do Congreso a temperatura non para de subir. De forma natural recórrese ao ventilador. Pero non para evitar que os materiais se dilaten demasiado, ou cambien os estados, ou se desaten inesperadas reaccións químicas. Ao contrario. Alí o ventilador fai ruído pero non arrefría, aínda xera máis calor. A oposición, como é previsible de calquera oposición, e como fixeran os que agora gobernan cando estaban nela, piden explicacións a quen orixinariamente gañou a presidencia precisamente baseando a súa censura noutros casos de corrupción. E a insistencia é maior canto máis sobe o termómetro conforme se van coñecendo máis detalles da instrución que afecta aos dous últimos secretarios de organización do Partido Socialista.

O primeiro ventilador póñeno en marcha, para protexerse da contaminación, os partidos da esquerda extrema. Os que hai apenas dúas semanas mostraban a súa solidariedade cos socialistas, por consideralos compañeiros de sufrimento da persecución da xustiza franquista, mutan o seu discurso ao escoitar os audios requisados pola UCO e subitamente o problema principal xa non é o chamado lawfare, senón a «podremia do bipartidismo» e do «réxime do 78», podremia que abranguiría desde a xefatura do Estado aos corpos policiais pasando pola Administración de Xustiza.

Pero quen máis nota a suba da temperatura, e non sen motivo, son o Goberno e o Grupo Socialista. Cada vez que alguén interpela a un membro do Consello de Ministros e Ministras, recibe como resposta un histórico de casos pretéritos (polos que xa se ten pagado prezo dabondo, tanto política como penalmente). O material socialista dilátase, e mesmo citan casos arquivados e persoas absoltas, ou a outras que deixaron a política hai máis dunha década e andan polos tribunais por actuacións da súa vida profesional e privada posterior. Nese contexto, e diante das queixas, tamén quentes, da oposición ante a falla de resposta dos casos propios, a vicepresidenta primeira, que xa xerou calotes para afrontar estas situacións na súa etapa no Goberno andaluz e intentando xustificar a súa escasa predisposición a dar explicacións, regalounos no último pleno unha elaborada definición de ventilador: «Intentamos trasladarles cuáles son las políticas de contraste en la lucha contra la corrupción, en la que tendríamos que estar todos».

Efectivamente, aí estamos todos. Sufrindo a calor, e os seus efectos. E, como cantaba Gato Pérez, el ventilador «que mete ruido por los salones». «El ventilador máquina. El ventilador camina. ¡Ay!».