A bomba e a muralla de Lugo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MAXAR TECHNOLOGIES | REUTERS

24 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo está escalando cara a guerra. Algúns dos principais gobernantes decidiron que a guerra non a paz é o obxectivo das relacións internacionais. Acaba de declaralo, case con estas verbas, Netanyahu, logo de ano e medio masacrando civís, para xustificar un ataque de represalia a Irán. Acaba de facelo Donald Trump, atacando lugares estratéxicos onde Irán desenvolve o seu programa nuclear. Sen diplomacia previa, rachando con ela. Sen atender á Carta das Nacións Unidas nin usar a súa mediación. Sen comunicación nin declaración de guerra, sen sequera xustificación. Lembran os esforzos de Colin Powell no Consello de Seguridade da ONU en 2003 para xustificar o ataque a Irak en tempos de Bush, os traballos de Mohamed El-Baradei como director xeral do Organismo Internacional de Enerxía Atómica que vixiaba o cumprimento dos tratados de non proliferación?

Era outro tempo. Este no que estamos parécese máis ao ano 260, cando a capital do convento lucense da Gallaecia principiou a construción dunha enorme muralla defensiva de 2.266 metros, con 85 cubos coas súas torres de dous pisos, unha altura ata o adarve de 13 metros, unha gran cimentación por baixo e un amplo foxo cheo de auga todo arredor. A quen tiñan tanto medo para defenderse así, a quen agardaban con tanto temor para dedicar tanto traballo e recursos a facer esa inmensa muralla que non remataron ata o 325? A época na que Constantino adoptou o cristianismo no Imperio. Máis ou menos o tempo que pasou ata este presente noso, dende que foi a saída do home ao espazo, a crise dos misís de Cuba e as posteriores decisións e tratados de non proliferación nuclear. Sesenta e cinco anos nos que houbo moitas guerras, pero no que a ONU, a Unión Europea, a Liga Árabe, a OEA (Organización dos Estados Americanos), a Unión Africana, mesmo a NATO e o Pacto de Varsovia, mediaron mal que ben en múltiples conflitos mundiais.

Neste presente, primeiro disparan e logo preguntan, despois de liquidar calquera capacidade de mediación dos organismos internacionais, tal como a coñecemos nas últimas oito décadas. O que fagan agora Irán e o mundo islámico, liderado por Turquía e Arabia Saudí —non sabemos que dirán Indonesia e Pakistán— haberá que velo. Tampouco sabemos que dirá Rusia. Sabemos que a China, a grande fábrica do mundo, esta escalada no lle interesa e que segue sendo —polo de agora— un actor de paz, polos seus intereses comerciais. Neste tempo, os amos da guerra están esixindo aos demais países aliados aumentar o gasto militar ata extremos imposibles. Pretenden dedicar todos os esforzos a construír a muralla de Lugo. Pero por que? Para defendernos de quen? Quen son os bárbaros cos que nos ameazan? Parece que os que obrigaban a construír murallas no século III o que querían era asegurar o seu dominio, controlar o poder e someter aos que facían as murallas, non defendelos de ninguén en concreto.

Quen foi o primeiro en mencionar publicamente o risco de terceira guerra mundial? Quen a puxo no tapete? Foi no gabinete oval e para asustar ao presidente de Ucraína? Quen está destapando a caixa dos tronos? Quen nos pon outra vez facer a muralla de Lugo?