Aldraxe

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Manuel Bruque

Reparo en que os dous teñen fillas, pero nin sequera ese feito foi quen de frealos para repartirse mulleres. Do mesmo xeito que a cativada á porta do colexio intercambia cromos, Koldo e Ábalos debatían con que muller ía estar cada un deles. A un gustáballe unha, pero igual quería probar algo novo. Cambiamos? Mentres, o partido que dicían representar puxaba por alzarse coa voz máis autorizada do feminismo. Incongruencias!

Traficar con mulleres é noxento, peor incluso ca defraudar e roubarme. Porque si, eses sobrecustos das obras que son para o seu peto págollelo eu, e tamén vostede, que me está a ler, e todos os que cumprimos cos impostos que nos corresponden. E ben sei tamén que este é un vicio secular ao que poñerlle freo é tremendamente complicado, pero, mentres non me dean exemplo castigando e facéndose corresponsables dos seus máis altos (e baixos) cargos, comigo non conten. Se eu fose filla dalgún destes que violan ou menosprezan as mulleres, pediría que lle retirasen o título de pai. Os feitos son intolerables e o sistema político está cada vez máis podre. Debera darlles vergonza que os pobres lles financiemos calquera dos seus vicios, en especial estes. E dá igual que reclame aquí o que me deben. Pero, se poden, polo menos devolvan algo de dignidade á sociedade, pois non merecemos tal aldraxe.