O aizkolari

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

Koldo García, antiguo asesor del ministro Ábalos
Koldo García, antiguo asesor del ministro Ábalos SERGIO PEREZ | EFE

15 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas democracias, as maiorías parlamentarias acádanse mediante pactos e negociacións. Na democracia norteamericana, onde os partidos teñen un carácter máis instrumental que decisorio e non existe a disciplina de voto, as maiorías soen conformarse agrupando senadores ou representantes de calquera partido que transaccionan entre si apoios recíprocos ás iniciativas que lles interesan. O senador de Wisconsin defende a proposta do de Ohio coa seguridade de que o de Ohio votará co de Wisconsin cando este o precise. A este intercambio de apoios chámanlle logrolling. Ou sexa, «rolar troncos», e fai referencia á axuda mutua que se daban os leñadores ou os pioneiros da fronteira cando cortaban árbores para empurralos a rolos e amontoalos para o inverno. Nas democracias parlamentarias continentais, nas que os partidos teñen un carácter máis configurador das políticas e a súa xerarquía garante a disciplina de voto, os pactos son internos, nun logrolling máis discreto. E cando os votos non dan, e é preciso a axuda doutras forzas políticas no parlamento, son os grupos os que intercambian votos que permiten a cada un empurrar o seu propio tronco con éxito.

Despois das eleccións, e dada a composición do Congreso, Sánchez decidiu que fosen todas as forzas á súa esquerda e soberanistas as que o levasen á Moncloa. Precisa, cada vez que quere rolar adiante unha iniciativa, coligar moitos socios, sexan «de investidura» ou «de goberno», por citar a certeira e interesada diferenciación que fixo a portavoz de Sumar. Pese ao número de mans necesarias, a coalición resulta moi estable: todos sacan aos poucos o seu tronco adiante e saben que se rachan coa coalición corren o risco de quedar excluídos dunha futura maioría. O problema inicial de Sánchez foi que pactou empurrar troncos que dixera que nunca pensaba rolar (amnistía, reforma do Código Penal, nomeamentos en institucións do Estado, transferencias de competencias exclusivas do Estado, e un largo etcétera). E que renunciou expresamente a continuar empurrando con éxito a gran árbore do desenvolvemento constitucional de acordo co PP, como en xeral se fixera ata o de agora (con algunha excepción, como a do Estatuto de Cataluña declarado parcialmente inconstitucional).

E o problema sobrevido nos últimos meses, pero moi especialmente desde que estes días todos escoitamos a sordidez da corrupción política e moral dos seus colaboradores, é que o seu propio tronco, que basicamente consiste en manterse como presidente, é cada vez máis pesado e difícil de rolar. Ou o que é o mesmo, que o prezo que vai ter que pagar para que os seus socios sigan colaborando non fai máis que medrar. Non hai máis que ver como a vicepresidenta de Sumar pide resetear a lexislatura cun impulso á (súa) axenda social; ou escoitar os independentistas galegos, vascos ou cataláns invocar o lawfare («esa palabra anglosaxona», como dixo o ministro de Xustiza Bolaños) e a necesidade de depurar o Poder Xudicial, coa mesma camaradería que ten quen di ter sufrido no pasado a mesma enfermidade.

Tras escoitar a Sánchez o pasado xoves, está disposto a pagar o novo prezo e seguir a rolar. O prezo sobe, paradoxalmente, polas gravacións dun tal Koldo. Que tivo no pasado, entre outras diversas ocupacións, a de eficaz aizkolari. A mesma que Sánchez na actualidade.