A cuestión do galego

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

XOÁN REY | EFE

10 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Oano remataba coa Xunta anunciando a renovación do plan xeral de normalización da lingua. Para poder solucionar un problema, o primeiro é ser consciente da súa existencia. Polo tanto, se se precisa un plan de normalización actual, é evidente que o proposto había vinte anos non funcionara.

Agardar dúas décadas para unha revisión de saúde non é aconsellable, mais unha tende a pensar sempre que nunca é tarde cando a dita é boa. Nas reunións e declaracións que se foron sucedendo neste tempo, a institución insistiu na idea de que este é un plan do pobo, sen cores ideolóxicas nin direccións políticas. Nada en contra que dicir ao respecto, pero non esquezamos que, para que isto funcione, debe estar apoiado, sen fisuras, por quen nos goberna, dirixe e representa. E o termo apoiar implica axuda, ou o que é o mesmo, unha acción a prol da causa.

De verdade queremos que o galego goce dunha boa saúde? O Estatuto de Autonomía di que «A lingua propia de Galicia é o galego». A Constitución recoñece todas as demais linguas españolas alén do castelán como cooficiais. Que máis precisamos? Semella que nada, máis non é así. Vese á claras que o que nos sobran son os paus nas rodas, os desprezos.

A iniciativa non partiu de Galicia (xa me tería gustado!), pero aínda así temos a oportunidade de que o galego sexa recoñecido como lingua oficial na Unión Europea. Só había que subir ao carro. Pero o presidente da Xunta non o apoiou.

Como pretenden que a sociedade mude se o que nos amosan é rexeitamento á lingua? Xa non é que vaiamos tarde, é que tarde e mal son dous males.