Innovación e industrias na Galicia vilega

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

MARCOS CREO

17 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Rueda anuncia un Plan Galego de Investigación e Innovación até 2027. Outra aproximación á innovación está no Ránking Ardan de Empresas Intelixentes, que evidencia unha estimable rede de empresas innovadoras. Motivos para lembrar aquelas innovacións na Galicia vilega desde os tempos da autarquía. Cando estaba chegando López Rodó, os plans de desenvolvemento e o Consejo Económico y Social del Noroeste, que daquela era un eufemismo de Galicia.

Un soubo do transporte en carro nas canteiras de granito e na explotación forestal, ou do vento e o remo como forza no mar de cerca. Tamén dun recordo familiar, Rosiña la Americana, quen carrexaba mercancías e paquetes dende Noia e volta. Alí, tras da finca no Calvario, estaba Motores Ayón que, por idea e traballo de José Rodríguez nos cincuenta, concibiu e fabricaba un motor diésel mariño de tres tempos, que cambiou o mar de cerca en Galicia. E que permitía, Tambre arriba, chegar xa en motora á central hidroeléctrica, a de Palacios.

Cando aparecen as carrocetas pola Nacional 6 ou polo alto da Fírveda cara aos Villares, preguntabámonos onde nacera tal arriscada innovación. Dábase axiña coa Pontenova e Vilaodriz, onde un fato de mecánicos innovadores constituíron Mafsa (1963), fabricando a MAF-950, con motores Barreiros ou Perkins, e a oposición do Ministerio de Industria para evitarlle competencia á Pegaso do INI. Alí traballou, procedente de Barreiros, o enxeñeiro viveirense José Sierra, quen despois, nos oitenta, fundou a paradigmática Urovesa.

As carrocetas cambiaron a vida no rural e nas vilas galegas, así como na industria forestal e da madeira. Igual que o fixera Grúas Guerra uns quince anos antes. Esta, no concello de Vila de Cruces —antes Carbia—, convertérase na principal empresa tanto en grúas forestais como mariñas. Sen Grúas Guerra non é doado entender a explotación forestal en Galicia, e moito menos os incrementos de produción nos cultivos de mexillón nas bateas, tanto na mecanización do cultivo como na descarga.

Industrias Guerra, en Vila de Cruces, e aquela Mafsa en A Pontenova, ou Ayón en Noia, naceron nun entorno vilego con antecedentes mineiros, o estaño e volframio uns, e o ferro outros, que permitiron asentar talleres e oficios que deron lugar a profundos e innovadores cambios na explotación forestal e no mar galego.

Un mar galego que, entre 1975 e os primeiros 80, tamén tivo unhas outras innovacións coa máquina desdobradora A- 1 para plantado nas cordas de mexillón, desenvolvidas por J. Aguín nos seus talleres do Grove. Ao que se sumou a rede tubular para o encordado do mexillón, mellorada máis logo coa Cotton Plus, da man de J.J. Chicolino en Boiro. Sen esquecer no agro a fábrica de conservas vexetais A Rosaleira, aló no Rosal, fundada nos anos 30 por José García, mestre. E que a partires de 1967 comezou a envasar grelos. Uns envases de 5 kilos que permitían aos barcos de Pescanova, nos anos 70, facer un menú de domingo nos mares de fóra con lacón con grelos. Innovacións vilegas nunha Galicia emigrante.