Os mortos da casa

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

03 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En galego dicimos os defuntiños. Os da casa. Os que lembramos estes días visitando os cemiterios, ou simplemente lembrando o que foron, a pegada que deixaron en nós, a memoria da estirpe. Arredor desta data, na cultura cristiá, e mesmo noutras culturas aínda que en datas diferentes, os seres humanos lembramos a transcendencia dos que xa non están, pero estiveron. Os antropólogos din que a primeira manifestación da criatura humana consciente, ou mellor: a primeira pegada pola que supoñemos a existencia dunha forma de cultura, ou de humanidade, que nos diferenza dos animais, é o culto aos mortos, as formas de enterramento, os ritos funerarios, que se remontan ao tempo dos neardentais. Os primeiros achados datan de máis de 150.000 anos, no Paleolítico medio.

En todas as culturas hai memoria dos defuntos, culto aos mortos. Seica as primeiras necrópoles, enterramentos colectivos con carácter ritual, veñen do Neolítico, cos primeiros asentamentos estables do ser humano. O Libro dos Mortos, que é a primeira guía de viaxes da que temos noticia, aínda que sexan viaxes de ultratumba, é un documento da cultura exipcia que remonta as súas orixes nas paredes das pirámides ata 3.000 anos a. C. Seica foi un dos best-sellers da época, se consideramos que non había familia de certa importancia (ou que se tivese por tal) que non encargase un libro para acompañar o defunto na tumba e axudalo a pasar á outra vida: «A pasar cara á luz», dicían.

En México o Día de Defuntos é unha gran festa familiar e colectiva que se celebra mesmo nos propios cemiterios, con máscaras e música de guitarróns, tequila e moreas de flores. Os cemiterios son enormes cidades nas que os vivos e os mortos conviven durante días, ás veces durmindo entre as campas. Alí fanse pactos, cérranse negocios, concrétanse matrimonios, coa memoria dos defuntos de testemuñas. Outras culturas optan pola incineración. O río Ganges vai cheo de cadáveres, que arden en piras diante da familia e dos amigos e marchan despois río abaixo. A falta de solo dispoñible e nalgúns casos a superpoboación, cando non a especulación urbanística, foron impoñendo tamén entre nós a práctica dos crematorios, inicialmente nada ben vistos pola cultura cristiá dominante, por máis ca moitos a consideran hoxe máis limpa e hixiénica.

En calquera caso, escribo esta marea coas tráxicas noticias que seguen chegando a nós da gran catástrofe das inundacións de Valencia. Na vila de Paiporta sobre todo, a poucos quilómetros da capital, o espectáculo é arrepiante. Mais tamén en Chiva, Alfafar, Letur, Utiel, Buñol, Turís.., e en Cuenca e en Andalucía… Ringleiras de afectados intentan identificar os seus mortos; cando aparecen, pois moitos seica aínda están entre os ferros e o cascallo. Son os defuntiños. Os seus defuntiños. Os nosos defuntiños.