Nobel 2024: históricos

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

PREMIOS NOBEL | EUROPAPRESS

21 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

No que atinxe á ciencia, as persoas galardoadas co Nobel representan o cumio do talento humano na física, química, bioloxía/medicina e economía. Cando un mira o palmarés ano a ano, recoñece adiantos que cambiaron a nosa vida e forman parte da historia das súas disciplinas. Pero, dentro dese nivel de excelencia, permítome dicir que o deste ano foi maior, se cabe. O Nobel de Física (a Hopfield e Hinton) recoñeceu aos pais dos mecanismos que fixeron que as máquinas poidan pensar, creando as bases dos actuais sistemas de intelixencia artificial, que revolucionarán o mundo (Hinton pide que vixiemos esa nova intelixencia, xa que cre que as máquinas acabarán sendo máis listas ca nós). Na columna que escribín ese día para este periódico, apostaba polo Nobel de Química para os investigadores que descifraron a estrutura de todas as proteínas coñecidas cun sistema de intelixencia artificial, como así ocorreu (era algo que estaba bastante cantado). A academia sueca sumou a ese premio o nome de David Baker, por deseñar computacionalmente proteínas que non existían. Cando se analice a historia científica do século XXI, o Nobel de Química de 2024 será considerado o símbolo dun dos seus principais fitos e dun cambio de paradigma. O propio Baker describía o seu ideario: «Se queres facer un avión, non empezas modificando un paxaro, senón que entendes os principios da aerodinámica e constrúes máquinas voadoras a partir deses principios». Ao igual que no caso do premio de Física, as consecuencias deste novo adianto cambiarán radicalmente as nosas vidas.