Amabilidade?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

17 oct 2024 . Actualizado a las 05:01 h.

Cando hai 25 anos nos licenciamos en Filoloxía Galega, non pensabamos ser expertas nunha lingua morta. Daquela, Fraga falaba do bilingüismo harmónico para xustificar a súa despreocupación polo galego, unha pequena barbaridade que xa se desarmaba nos nosos flamantes apuntamentos. Daquela criamos que a destrución da lingua podía reverterse gañando a batalla do prestixio, e tiñamos as ferramentas: as oficinas de dinamización lingüística, unha lei de normalización, unha televisión pública e un sector cultural que cría que a nosa razón de ser como pobo radicaba na lingua galega. Pero só dúas décadas despois os datos apuntan que, nunha xeración, o galego desaparecerá.

É fácil responsabilizar os sucesivos gobernos (todos), que nin cumpriron a lei de normalización nin souberon ver a tendencia natural das linguas en contacto a matárense. Iso que agora chaman convivencia amábel só é posíbel se o galego, amabelmente, se volatiliza. Ademais, ao retirar (con pouca amabilidade) os usos que tiña no ensino, perdemos a opción de seducir neofalantes, a salvación. Claro que iso tampouco ía pasar, porque a miña inxenua promoción estaba trabucada: as equipas de dinamización son escusas para organizaren actos de propaganda, a TVG perpetra un idioma deturpado e asociado á ramplonería, os escritores pregámonos a non morder a man que cremos que nos dá de comer, xa que non comemos dunha literatura sen lectores. Non sabemos se seguirá existindo Galicia cando non se fale galego, pero si sabemos que ese concepto, Galicia, interesa aos mesmos que o destrúen.

Que facer con toda esta identidade acumulada que vai perder a lingua que lle deu a razón de ser durante cen anos? Asumimos como pobo ser sucursal sen identidade? Somos amábeis e claudicamos?