Hai anos, o cómico Luis Piedrahita presentou un espectáculo titulado Dios hizo el mundo en siete días… y se nota. Era divertidísimo porque durante dúas horas foi comentando con moito enxeño os erros, desacertos e fallos da Creación, demostrando que as présas nunca foron boas; porén, non recordo que falase do sexo e da conexión entre o cerebro e a libido, que para min é a peor chapuza do Creador. Pensábao mentres lía os titulares da monstruosidade perpetrada en Francia por ese medio cento de tarados que durante dez anos violaron unha muller coa complicidade do marido. Antes pensárao outras veces: ao saber que a escritora Anaïs Nin ía do leito de Henry Miller ao do seu pai, o músico cubano español Joaquín Nin. A atrocidade de John Phillips, líder do grupo musical The Mamas & The Papas, que violou a súa filla Mackenzie horas antes de que casase e tivo con ela unha relación incestuosa durante anos. A de Barbara Daly Baekeland, neta política do creador da baquelita, cun fillo homosexual para curalo. O rapaz toleou e matouna a coiteladas. Ao coñecer o drama de Rita Hayworth, violada desde os trece anos polo pai, o bailarín español Eduardo Cansino... E despois o estarrecedor mundo da pederastia.
Yahvé debeu desbotar o sistema sexual completo e facelo de novo. De todas as aberracións, ningunha tan horrenda como a do abuso dos nenos; pero o peor é que os pederastas son como as formigas, as cascudas e as ratas, que se multiplican e están en todas partes. Neste intre, 7.000 pedófilos comparten material en España. Por iso a Igrexa di que é inxusto poñer o foco nos abusos cometidos por sacerdotes. E ten razón, pero cando os abusadores son o cardeal Pell, número tres do Vaticano, ou o arcebispo progresista Peter Gerety, amigo de Luther King; é imposible non enfocalos. Ademais o pecado é moitísimo máis grave en quen escolleu libremente renunciar á vida sexual e coñece o evanxeo de Mateo, no que Xesús advirte aos abusadores de nenos: «Pero a quen escandalice un destes pequenos que cren en min, máis lle valería que lle colgasen no pescozo unha pedra de muíño e o botasen ao mar».
De todos os xeitos, nunca falta un roto para un descosido e en 2003 Fernando Savater defendeu a Conferencia Episcopal banalizando as accións dos relixiosos pederastas: «Seguro que ha habido magreos indebidos en colegios religiosos, en institutos laicos, en consultas médicas, en gimnasios, en probadores de grandes almacenes, en la mili y sus derivados, en la sala de espera de dentistas, en transportes públicos, en familia…». E quixo poñer unha nota de humor: «Los que fuimos feos de pequeños nunca pasamos por ahí». Seguro que é máis feo de maior. Sobre todo por dentro.