O «puzle» Kamala

Emilio Grandío Seoane
Emilio Grandío Seoane LIÑA ABERTA

OPINIÓN

María Pedreda

18 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Si teñen dous minutos, acompáñenme a tentar encaixar as pezas dun quebracabezas. Nestas cruciais eleccións nos Estados Unidos hai elementos fácticos que agrupados de determinado xeito amosan unha visión distinta do que está a acontecer.

Comecemos. Onde estaba Kamala Harris hai un par de meses? Por que unha vicepresidenta elixida naquel famoso tique con Biden para renovar xeracionalmente o Partido Demócrata desapareceu? Durante tres cuartas partes do mandato de Biden, moitos se preguntaban onde estaba Kamala. Só inicialmente a emigración ilegal, e xa máis tardiamente o aborto, a puxo sobre o escenario político. Semellaba destinada a desaparecer. Mesmo cando Biden se veu forzado a abandonar a súa candidatura presidencial, Kamala era unha máis, mesmo cuestionada. Por que este silencio de case catro anos? A realidade neste momento é que Kamala Harris non ten unha mochila, un pasado excesivamente criticable na súa actividade política previa. É case un papel en branco. É sorpresa? Si, pero relativa.

Ten a súa lóxica. Dende dentro do Partido Demócrata, a opción Kamala agardaba o seu momento. Recordemos que forma parte desa nova xeración de hai unha década, mulleres na súa maioría, nunha liña rotunda de cambio sobre o rumbo do partido. Todas esas figuras foron chequeadas durante unha década. Boa parte daquelas propostas non admisibles daquela comezan a percibirse doutro xeito. Pero apostar por esa corrente só podía producirse en circunstancias excepcionais. A posibilidade dun segundo mandato Trump, tras a tentativa de golpe de Estado, cunha intoxicación da percepción da realidade estadounidense en boa parte da súa sociedade e unha absoluta imaxe de debilidade do presidente Biden, son circunstancias excepcionais. É tocar fondo. E dende aí só hai unha opción: ir cara arriba co maior impulso posible. A necesidade transformada en virtude.

Outra das pezas a encaixar é a celeridade en que pode mudar a aceptación das candidaturas. En pouco máis de 15 días observamos nas enquisas amosadas as enormes posibilidades dun golpe de efecto ben orquestrado. Só a nova, sen ser aínda proclamada oficialmente candidata, de que Kamala Harris substituía a Joe Biden levou unha evidencia: Trump era agora o vello. Só con colocala fronte a el a ostentación bravucona de Trump converteuse en síntoma de senectude. A frescura, a idea de novidade, viraba cara o outro lado. Todo isto apoiado en portadas de revistas, columnas de opinión e mesmo unha exitosa campaña en redes sociais vencellando a Kamala cunha recoñecida cantante. Kamala converteuse en brat. Con elo acadou dúas cousas imprescindibles hoxe: a primeira, chamar a atención; a segunda, convertela nunha mocosa transgresora e irreverente, dándolle unha dose de rebeldía necesaria para distanciarse de toda esa maquinaria posta en marcha.

Pero o puzle que explica o éxito de Kamala non é só froito do teu xogo, senón do que fai o teu rival. A partir do mesmo intre en que se presenta como candidata, a imaxe camorrista de Trump devélase absurda: son «raros». Non esquezamos o atentado a Trump. Algo semella que cambia na percepción dese candidato coa orella ensanguentada. Un feito que debería apoialo de xeito rotundo na súa estratexia vitimista de persecución estatal transfórmase nunha debilidade. E aínda mais alá. Buscando unha lóxica temporal, algo tamén semella que cambia dentro do Partido Republicano dende o mesmo día en que Trump elixe a Vance como o seu candidato a vicepresidente. As voces internas dentro do republicanismo americano do ninguneo ao que lle sometía un candidato tan persoalista como Trump víronse refrendadas cando se nega a darlles a súa parte. Así acontecera co anterior vicepresidente, Mike Pence, quen, por certo, non esquezamos que foi o último baluarte institucional que posibilitou o fracaso das accións de toma do Parlamento. Trump nunca perdoou isto e apostou por un independente xove, totalmente manipulable e fora das dinámicas de partido. Isto, nun sistema estadounidense, onde os equilibrios do Estado entre republicanos e demócratas conséguense a través de múltiples fíos de comunicación, onde o que nós chamamos «transfuguismo» non existe porque o voto non pertence á estrutura de partido senón ás persoas, pode ter moita máis transcendencia do que parece. Trump non perde terreo só polo que aconteza no seu exterior, senón tamén pola perda de credibilidade entre as súas propias filas.

Estes elementos estaban presentes no debate. A posta en escena rematou nunha conclusión moi traballada: a visualización dunha xuíza fronte a un acusado que ten que defenderse. A opinión virou ben axiña. O seu sorriso xa non se percibiu no debate nun sentido negativo que poida retroalimentar o discurso vitimista de Trump, senón como esperanza de que é posible saír dun inevitable destino cara un negro futuro. Ilusión.

O cadro final do quebracabezas amósanos unha alternativa, demorada unha década e que agora se presenta como unha solución necesaria. Coas maiores garantías posibles de que non se saia do marco, porque excesivas pingas de incerteza poden tirar abaixo un enorme traballo previo realizado. Unha raiola de luz que se albisca entre as nubes escuras ás que estamos acostumados nestes tempos.