Lei seca

OPINIÓN

JOSE PARDO

18 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos nunha sociedade tolerante co consumo do alcol e pensamos que esa alegría voluptuosa que nos dá a bebedela conforma a nosa identidade aberta e divertida, nada comparable co fastío doutras xentes que veñen do norte de Europa, por exemplo, que beben para si e non comparten a súa festa cos demais. Quen máis e quen menos entre nós cargou o carro e mesmo coñeceu a súa parella nunha discoteca, amosando unha graza enchispada por un par de cubatas de garrafón. Asociamos a festa ao consumo, e vai ser difícil afastarnos disto, pero non nos vai quedar outra que aceptar que este hábito social non cadra coa condución dun coche. Imos cara á tolerancia cero. E, malia que a min tamén me gusta tomar unha cervexa de cando en vez, non nego os efectos nocivos do alcol sobre a condución. Máis dunha vez me percorre un arrepío cando penso nos coñecidos que perderon a vida na estrada, co alcol case sempre metido polo medio. E non deixo de intuír a traxedia desas familias con feridas abertas e a vida detida no drama, cun cadáver pairando para sempre sobre a súa memoria. A medida que pretende o Goberno de reducir a taxa de alcol no sangue dos condutores pode parecer tan esaxerada como aquela de retirar o tabaco dos bares, que rematou por ser respectada e reduciu considerablemente o número de fumadores. E hoxe xa só se pode entender como fanatismo e irresponsabilidade a negación de que o alcol compromete a capacidade de reaccionar a tempo diante de situacións imprevistas ou que reduce o campo visual e atranca a nosa capacidade de tomar decisións acertadas en fraccións de segundos. Teimar niso é ridículo e supón ignorar o destino fatal de tanta xente que nos deixou por mor dunhas cervexas ao volante. A solución está en nós e, queirámolo ou non, na lei seca.