Malia o tempo transcorrido desde que foi pronunciada, unha das reflexións que mellor definen a necesidade de contar con medios de comunicación robustos mantén toda a súa vixencia nos nosos días. A declaración, atribuída ao terceiro presidente dos Estados Unidos, Thomas Jefferson (1743-1826), apunta que «se tiver que decidir se debemos ter un goberno sen periódicos ou periódicos sen goberno, non dubidaría en preferir o segundo». Porque —e isto xa é un apuntamento de quen escribe— sen xornais libres non hai democracia posible; e sen editores comprometidos, tampouco.
Este mércores espertamos cunha nova lutuosa, que nos anunciaba o falecemento de don Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente de La Voz de Galicia, que consagrou a súa vida ao xornalismo e ao grupo de comunicación que erixiu e expandiu a partir do xornal fundado polo seu avó na cidade da Coruña.
Ao longo de máis de seis décadas de exercicio profesional, enteiramente vinculado á Corporación Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre exerceu e animou a exercer un xornalismo rabiosamente libre, sen máis compromiso que o de informar os seus lectores e servir ao interese xeral.
Sempre coa independencia por bandeira, malia as dificultades que a defensa deste principio implicaba outrora, especialmente nos tempos da ditadura, e implica, do mesmo xeito, arestora.
Independencia, máis tamén defensa dos intereses de Galicia —incluída a súa lingua e a súa cultura, xa en tempos pretéritos e difíciles—; defensa comprometida dos valores democráticos forxados na Transición e consagrados na Constitución do 78, e defensa, por suposto, da autonomía que a Comunidade foi configurando a partir do Estatuto.
Son estas —pero hai moitas máis— razóns de peso polas que o conxunto de Galicia está en débeda con Santiago Rey Fernández-Latorre, un galego bo e xeneroso que, desde agora, permanecerá para sempre na memoria colectiva.