Desconectar

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

MIGUEL VILLAR

23 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces, cando decido que non vou facer nada máis que o que decidira que ía facer (como sacar as malas herbas do xardín, ou escribir esta columna), aparecen unha miríade de cousas que, por algunha razón, precisan ser solucionadas nese mesmo momento (como pór a lavadora, ou baleirar aquel caixón cheo de trastes). E, aínda que son consciente de que estou a facer exactamente o contrario do que tiña pensado, sigo asumindo esas cousas até que non me queda case tempo para rematar a tarefa que me prometera a min mesma esa mañá.

Entón penso que polo menos fun capaz de non mirar o móbil, a pesar de estar aí ao meu carón, chamando a miña atención constantemente. E síntome ben por non ter sucumbido á súa tentación, e bótolle unha ollada, así de lado, e vexo que entrou un wasap, e miro o wasap e xa está, xa estou dentro. Da mensaxe paso aos titulares do xornal, do xornal ao meu correo electrónico, do correo ao Instagram, e sigo até que non me queda case tempo para rematar a tarefa que me prometera a min mesma esa mañá.

E aí é cando penso na idea de desconectar, non porque sexa verán (pois para moita xente o verán non significa nada máis que calor e cansazo), senón porque cada día é máis difícil desconectar desta nosa existencia centrada no facer por facer. Cada día é máis difícil ver xente sentada nun parque ou terraza sen mirar o móbil, é máis difícil que nos centremos nunha soa cousa durante un período longo de tempo... E cada día son máis consciente de que neses tempos mortos vai pasando a vida, e que nós, ocupados con nada en concreto, temos que facer o esforzo de non deixala pasar así, de que non nos escape o presente entre os nosos dedos...