Non son noticias repetidas. Non é este un artigo antigo. Falar de violencia de xénero é actual sempre. Vaia desgraza!
Cando a esperanza é reducir o número de vítimas, estase naturalizando o asasinato, pois xa non se privan de atacar ás mulleres en presenza das crianzas, ou levar a estas por diante tamén. En Toledo un home discute pola rúa coa súa parella e a filla desta. Co balbordo que se forma, a veciñanza altérase. Alguén alerta ás forzas de seguridade, temendo unha traxedia. Non resulta suficiente. A rapaza é asasinada e a muller gravemente ferida. Ás poucas horas, en San Sebastián, un pai intenta matar á súa muller diante das fillas. Sen agocharse, sen pudor, sen sequera protexer ás que son sangue do seu sangue.
Unha atrocidade. Dá igual verán ou inverno. Que lle poñan pulseriñas aos potenciais maltratadores. En realidade, todos sabemos que non é eficaz. Un pitido, unha vibración, unha alerta a quilómetros de distancia... vai disuadir un monstro coma estes? Obviamente, non. Asasinar pode levar segundos, sóbralles tempo.
Ser capaz de asasinar diante dos propios fillos, ou levar por diante a estes simplemente por facer dano á parella xa é o último. Non queda nada peor. Así que quero pensar que este é o tope máximo, que só se pode mellorar. Pero a cantidade de vítimas que van neste ano esnaquizan calquera esperanza.
Basta xa. Continuemos educando, formando e concienciando. O rexeitamento de calquera violencia debe ser público e notorio. Todos debemos dar exemplo. Todos.